image_galleryA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, vén de informar favorablemente a fase de estadía de 40 investigadores posdoutorais que desenvolveron a súa actividade investigadora, por un período mínimo de 21 meses, nunha universidade ou centro de investigación de referencia no seu campo a nivel internacional.

Esta avaliación positiva, cuxa resolución se pode consultar no enderezo web http://www.edu.xunta.es/web/node/7429, é un trámite necesario para poder acceder ao contrato na fase de retorno. Neste sentido, a Consellería achegará 1.408.000 euros ás tres universidades galegas para que contraten a esta primeira promoción que recibiu financiamento con cargo aos contratos posdoutorais do Plan galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C).

O seu regreso supón tanto unha continuidade na súa formación como un reforzo para o Sistema Universitario Galego (SUG), posto que este retorno de talento redunda nunha mellora das áreas de investigación estratéxicas da Comunidade galega. Isto é, as nosas universidades aproveitarán o caudal de coñecemento adquirido en prestixiosos centros e universidades internacionais, tales como Cambridge, Oxford, Harvard, Zurich ou Boston.

De entre os 40 investigadores posdoutorais que volven a Galicia para reincorporarse ao SUG, 20 farano na Universidade de Santiago de Compostela, 17 na Universidade de Vigo e 3 na Universidade da Coruña.

Formación posdoutoral

De acordo co establecido na Orde do 17 de outubro de 2012, pola que se rexen as axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral, modalidade A, do Plan I2C (para o ano 2012), estas axudas teñen unha duración máxima de tres anos. En concreto, son dous anos na fase de estadía –os que acaban de cumprir– e un na fase de retorno, que se desenvolverá nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia.