Cultura e Educación impulsa a actividade do Teatro Afeccionado a través do apoio a Fegatea para o desenvolvemento do circuíto ‘Amador’

image_galleryA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) renovaron un ano máis a súa colaboración para a celebración do Circuíto Galego de Teatro Amador, unha xira a través de 53 agrupacións ‘amateurs’ mostran o seu talento en poboacións das 4 provincias galegas. O importe da axuda da Xunta de Galicia á realización desta actividade ascende a 25.000 euros.

Un dos obxectivos desta actuación é dotar de programación cultural a pequenas localidades galegas que, por falta de infraestrutura ou dispoñibilidade orzamentaria, non poidan gozar habitualmente de espectáculos de artes escénicas na súa propia vila. Ao mesmo tempo, garántese a viabilidade do teatro afeccionado e a difusión do traballo das 53 agrupacións ‘amateurs’ das 4 provincias galegas que constitúen a federación, o que constitúe nestes momento a maior estrutura teatral organizada e denota o interese dos seus membros de traballar nunha mesma dirección.

O feito de que unha das vilas á que chega o circuíto Amador sexa Santiago de Compostela supón unha oportunidade única para dar a coñecer o talento destas compañías e artistas de base diante do público. Ademais de pola capital galega, a xira pasará por 4 localidades distintas de cada provincia, cun total de 60 funcións. Segundo as estimacións iniciais, o circuíto poderían acadar un total de ata 7.500 espectadores ao longo deste percorrido por boa parte da xeografía galega.

Dinamización cultural
A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou a súa andaina en 2001 centrando os seus esforzos no fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico. Acadado este obxectivo, por medio dunha programación estable que abrangueu actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro, nos últimos tempos tamén dedicou esforzos a promover o teatro amador galego no resto de España.

Cómpre salientar, neste sentido, o intenso labor de dinamización cultural que cada unha das agrupacións que conforman desenvolven na súa propia vila onde, en moitos casos, se ofrecen como única alternativa de programación cultural.

También te podría gustar...