Cultura e Educación celebra esta semana en ‘Atardecer no Gaiás’ os vinte de La Habitación Roja e da Orquestra de Cámara

image_gallery (4)A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra esta semana un ‘Atardecer no Gaiás’ moi especial onde se conmemorá os vinte anos sobre o escenario de La Habitación Roja e da Orquestra de Cámara Galega, que farán un repaso polos seus mellores e máis populares temas nestas dúas décadas de vida. O programa completarase co rock árabe chegado desde Barcelona do combo multicultural Yacine & The Oriental Groove.

‘Atardecer no Gaiás’ arrancou este xoves a partir das 21 horas coa banda valenciana La Habitación Roja, que chegan á Cidade da Cultura no seu formato máis íntimo. Tras vinte anos sobre os escenarios, nove discos e dezasete EPs, LHR é xa un dos clásicos do pop español. Na praza central do Gaiás interpretarán algúns dos seus temas máis míticos como ‘La edad de oro’, ‘Posidonia’ ou ‘Indestructibles’, convertidos en himnos xeracionais.

E de aniversario a aniversario. Porque o venres, 7 de agosto, na Sala Eisenman, a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba despedirase desta edición de ‘Atardecer no Gaiás’ cun concerto moi especial: ‘Vinte anos non son nada’. Un programa no que interpretará unha selección de obras e autores que marcaron a súa traxectoria.

A semana rematará o sábado, 8 de agosto, de novo na praza central con Yacine & The Oriental Groove, rock árabe chegado desde Barcelona. Este combo multicultural dirixido polo barcelonés Yacine Belahcene e o laudista grego Yannis Papioannou achegaranos música de aquí e de todas partes. Da electrónica até o folk alxerino, pasando polo pop occidental, as melodías gregas ou o funk. Un “folclore do ciberespazo” con cancións sustentadas nun son urbano moi potente.

Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.