Anxo Lorenzo salienta o apoio das administracións públicas á creatividade galega a través de certames como o de escultura Francisco Asorey

image_gallery (3)O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na entrega de premios do II Certame de Escultura Francisco Asorey celebrada no recinto cambadés de Exposalnés e que está promovida pola Asociación Francisco Asorey co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto co Concello de Cambados e mais da Deputación Provincial de Pontevedra. Durante o acto o representante do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou o apoio que as administracións públicas están a dar á creatividade galega a través deste tipo de concursos e iniciativas.

O primeiro premio recaeu nesta ocasión na peza ‘Lambetazo’, de José Castro e está dotado cunha contía de 5.000 euros. Por outra banda, tamén foron premiadas as obras de Miguel Ángel Vigo e de Óscar Aldonza cun accésit de 1.000 euros cada unha.

Participantes
Un total de 41 pezas foron as presentadas nesta edició, das cales só 12 pasaron a ser finalistas. Estas últimas formaron parte da exposición inaugurada o 14 de xullo e na que os visitantes poden desfrutar das obras máis destacadas do certame escultórico ata o vindeiro 14 de agosto.

Xunto con traballos de autores recoñecidos, as canteiras de artistas galegos tamén estiveron representados nesta convocatoria con obras dos alumnados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña ou da Escola de Canterios pontevedresa.

Bases do concurso
Puido participar do certame calquera persoa, independentemente da súa idade (que na convocatoria anterior estaba limitado a un máximo de 30 anos), cunha única obra escultórica libre, orixinal e inédita, é dicir, que non fora presentada a ningunha mostra ou exhibición de ningún tipo.