Construción da nova ponte sobre o río Xares, no Bolo

  • Deputación e Xunta achegarán dous terzos do orzamento para a construción da nova ponte sobre o río Xares, no Concello do Bolo
  • A comisión de seguimento deste proxecto, promovida desde a institución provincial, tamén acordou solicitar con urxencia unha reunión coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, institución que tamén forma parte do grupo de traballo, para coñecer a súa participación no financiamento do proxecto
  • Ademais, pedirán ao organismo de conca un informe sobre o acontecido na xornada do 20 de decembro de 2019, cando as fortes chuvias abriron unha profunda fenda no piar central da ponte que obrigou a pechar este paso da estrada municipal que une as localidades de Barxa e Seixo

 

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia achegarán dous terzos dos máis de 462.000 euros orzamentados para a construción dunha nova ponte sobre o río Xares, no Concello do Bolo, que substituirá ao actual paso, pechado ao tránsito de persoas e vehículos desde decembro de 2019 tras colapsar como consecuencia do forte caudal alcanzado por unha intensa borrasca. Así o acordou a comisión de seguimento promovida desde a Deputación de Ourense para ofrecer unha solución aos habitantes das zonas afectadas e á que asistiron o vicepresidente da institución provincial e presidente da comisión, Rosendo Fernández; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; e os deputados dos grupos políticos con representación na corporación provincial. 

CHMS

Os asistentes tamén decidiron solicitar con urxencia unha reunión coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, institución que tamén forma parte da comisión, pero ausente nesta convocatoria e na sesión constitutiva, para coñecer a súa participación no financiamento do proxecto. Ademais, pedirán ao organismo de conca un informe sobre o acontecido na xornada do 20 de decembro de 2019, cando as fortes chuvias abriron unha profunda fenda no piar central da ponte sobre o río Xares que obrigou a pechar este paso da estrada municipal que une as localidades de Barxa e Seixo.    

Comisión

A comisión de seguimento constituíuse o pasado 9 de marzo no Concello do Bolo, dando así cumprimento ao acordo unánime do pleno da Deputación do 18 de decembro de 2020. Neste tempo, o grupo de traballo estudou a mellor fórmula para a reconstrución da ponte. Non obstante, os técnicos da Deputación desbotaron esta posibilidade polos importantes danos que presenta o paso, decidindo que a opción máis axeitada era o derrubo da actual estrutura e a construción dunha nova, cun orzamento de máis de 462.000 euros e un prazo de execución de catro meses.