• O Concello de Bóveda rehabilitará o conxunto etnográfico do Souto
  • A intervención, que financia o GDR Ribeira Sacra-Courel, suporá a recuperación da Ponte de Bóveda e do Camiño do Souto, na contorna do Río Mao

 

O Concello de Bóveda vén de recibir unha axuda do GDR Ribeira Sacra-Courel para a mellora de infraestruturas turísticas que destinará á rehabilitación do conxunto etnográfico do Souto; en concreto, á recuperación da Ponte de Bóveda e do Camiño do Souto, na contorna do río Mao.

O proxecto suporá un investimento de 33.899 euros, dos cales o GDR Ribeira Sacra-Courel financia 28.373 euros.

O obxecto da intervención céntrase na Ponte de Bóveda e no Camiño do Souto, ambos elementos deteriorados polo paso dos anos e absorbidos pola vexetación.

Nos anos 70, coa construción nas inmediacións do Colexio Público decídese eliminar os vargos e as vigas da ponte para que os nenos non caeran ao río cando medraba o caudal, o que trouxo consigo unha ponte inutilizada e un camiño abandonado.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, explica que a intervención “pretende poñer en valor estes dous elementos e recuperar esta contorna privilexiada para o uso público”.

 

As obras

A intervención que se propón consiste, dunha banda, na roza e acondicionamento do camiño e da súa contorna, consolidando muros e pavimentos mediante a recolocación das pedras do entorno e achega de xábrego no fondo do camiño, así como recompoñer algunha parte que estea calzada.

Na ponte a actuación consiste en repoñer a estrutura orixinal mediante vigas en bruto, unicamente careadas pola parte superior a fin de asentar os vargos orixinais. A maiores é preciso consolidar o arcos e a base da ponte , e tamén dispoñer unha varanda de protección.