DSC_7956

 

Ourense acolle dende onte e ata o mañán domingo, o Congreso Internacional de Folclore e Turismo da Internacional Union of Folklore Association (IGF). Durante a celebración deste evento, que se vai desenvolver no Hotel Balneario Laias Caldaria emprazado no concello de Cenlle, os participantes achegados de 19 países analizarán e intercambiarán experiencias e estratexias para fomentar o desenvolvemento internacional do turismo e da cultura folclórica. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de inaugurar o congreso cuxa organización nesta edición correspondeulle ao grupo de danzas da provincia ourensá “Queixumes dos Pinos”.

A Xunta de Galicia colabora e participa desde distintos departamentos autonómicos coas actividades programadas neste congreso. “Hai que apoiar  os proxectos relacionados co mundo do folclore e do turismo porque a súa conxugación é fonte de riqueza”, indicou Martínez.

O delegado territorial explicou que o folclore é unha ferramenta extraordinaria de transmisión e intercambio de coñecementos culturais, e subliñou tamén  a importancia do patrimonio natural e artístico da nosa provincia. Afirmou que dende as administracións débese “impulsar accións e programas específicos encamiñados a aproveitar esta riqueza como elemento de desenvolvemento e reequilibrio territorial”.

Na súa intervención Rogelio Martínez deulle os parabéns ao director de Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas, por facer realidade este proxecto, o primeiro congreso destas características que se celebra a nivel mundial.