Comeza hoxe o programa Xuntos polo Nadal de Benestar que oferta 240 prazas para persoas maiores de 60 anos

xunta de galiciaA iniciativa, destinada a aquelas persoas que se atopan soas e queiran pasar o Nadal en compañía, terá lugar ata o 2 de xaneiro nas residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón. Os solicitantes cuns ingresos inferiores ao IPREM participan de forma gratuíta.

A Consellería de Traballo e Benestar inicia hoxe o programa Xuntos polo Nadal dirixido a persoas maiores de 60 anos. Trátase dunha iniciativa destinada a aquelas persoas que se atopan soas e queiran pasar o Nadal en compañía. Deste xeito, o programa terá lugar ata o 2 de xaneiro nas residencias de tempo libre do Carballiño para residentes nas provincias de Pontevedra e Lugo; e na de Panxón, para os maiores da Coruña e Ourense. Cada emprazamento contará con 120 prazas.

Nesta iniciativa participan as persoas maiores de 60 anos residentes en Galicia, que se poidan valer por si mesmas, non padezan enfermidade infecto-contaxiosa activa nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia e que non estean acollidos nun centro residencial.

Para a selección dos participantes deuse prioridade aos que realmente viven sós e non teñen con quen pasar estas datas; a aqueles que contan cun menor nivel de ingresos económicos; non participen neste ano en ningunha quenda do programa de Benestar en balnearios nin en pasadas edicións do programa Xuntos polo Nadal; e, por último, tiveron preferencia as persoas con máis idade.

O programa contempla o aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante 11 días. A saída desde os puntos de orixe (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense) realízanse hoxe pola mañá e o regreso será o día 2 de xaneiro despois de xantar. Os solicitantes cuns ingresos inferiores ao IPREM (532,51 euros) asisten de forma gratuíta a esta iniciativa e o resto de participantes colaboran co pagamento da estadía cunha achega de 50 euros.

También te podría gustar...