Camiño Portugués: Galicia e Portugal asinarán un acordo para desenvolver accións conxuntas

  • Galicia e Portugal asinarán un acordo para desenvolver accións conxuntas sobre o Camiño Portugués
  • Representantes do departamento do Goberno portugués visitarán a Comunidade galega para coñecer o modelo de xestión do Camiño de Santiago
  • Trala reunión en Lisboa entre o director do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e a secretaria de Estado do Turismo de Portugal, Ana Mendes, o departamento portugués prevé poñer en servizo unha web específica deste Camiño e interconectala co sitio na internet de Turismo de Galicia

image_gallery (1)

 

O Goberno galego e o de Portugal promoverán a un acordo de colaboración entre os departamentos de Turismo de ambos gobernos, polo que a Secretaría será o interlocutor sobre os camiños de Santiago no país veciño ademais de ofrecer a súa experiencia para a xestión da ruta no seu territorio. Así o acordaron na reunión que mantiveron na capital portuguesa o director do Xacobeo e a secretaria de Estado do Turismo de Portugal.

Nesta xuntanza tamén se acordou estudar a posibilidade de realizar accións de promoción conxunta, incluíndo á entidade Turespaña, en mercados turísticos internacionais como EE.UU, Brasil ou China.

Ademais, Turismo de Portugal mostrou o seu interese pola creación dunha páxina web específica sobre os camiños de Santiago que atravesan o territorio portugués , de xeito que estaría interconectada co sitio na Internet de Turismo de Galicia caminodesantiago.gal ao obxecto de ofrecer unha visión unitaria da ruta xacobea portuguesa.

Por último, a secretaria do Turismo do Goberno portugués mostrou o seu interese por visitar Galicia e coñecer ‘in situ’ a xestión do Camiño en Galicia, especialmente a rede de albergues públicos.

Con 35.616 peregrinos ata o día de onte, o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada no que vai de ano, unha vía que percorreron en todo 2015 un total de 43.151 peregrinos.

Portugal foi o ano pasado o quinto país en número de peregrinos, con 12.481 persoas que realizaron o Camiño de Santiago.

También te podría gustar...