Aumenta en 423 persoas o censo do padrón de Monforte ó longo de 2020

  • O Alcalde, José Tomé Roca, contradí así os datos aportados no pasado Pleno pola voceira do Partido Popular, Katy Varela, sobre o Padrón de Monforte, que destacaba unha perda de poboación de 200 habitantes de media

  • Se o 1 de xaneiro de 2020 a cifra oficial indicada polo INE era de 18.347 habitantes monfortinos, tras a información facilitada polos servizos municipais do Padrón, a cifra a día de hoxe, 3 de decembro de 2020, é de 18.770 habitantes, o que supón un incremento de 423 persoas.   

  • O rexedor municipal destaca que este incremento no número de habitantes censados en Monforte ó longo deste ano, marcado pola pandemia do Covid-19, “temos o convencemento de que está en gran parte motivado polas diferentes liñas de axudas postas en marcha polo Equipo de Goberno para paliar entre a poboación os efectos desta crisis, axudas ás que se podía optar cumprindo, entre outros requisitos, o de estar empadroado no municipio”.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de aportar datos que contradín a información que deu a coñecer a voceira do Partido Popular, Katy Varela, no pasado Pleno da Corporación Municipal, celebrado o pasado luns 30 de novembro.

En concreto, a voceira do Partido Popular, sinalou, na súa primeira intervención dentro do debate sobre os orzamentos municipais para o 2020, que “Monforte esta perdiendo, y hemos sacado hoy además un esquema del INE, una media de 200 habitantes al año, y estamos en el último INE del 2019 en 18.433 habitantes”.

Tras a información facilitada polos técnicos do Padrón Municipal de Monforte, o Alcalde destaca que “nos vemos na obriga de contradicir os datos aportados ó Pleno pola Sra. Voceira do Partido Popular, Dª Katy Varela, xa que si a 1 de xaneiro de 2020 o censo do padrón habitantes de Monforte era de 18.347 persoas, a día de hoxe, 3 de decembro, comunícannos, dende os servizos municipais do Padrón, un incremento de 423 persoas, ata alcanzar a cifra de 18.770 persoas”.

Deste xeito, o Alcalde quere destacar este importante incremento nun ano no que, “a pesares da profunda crise que estamos a vivir derivada da pandemia da Covid-19, Monforte recupera poboación dunha maneira destacada”.

E neste senso, precisamente o rexedor municipal destaca

que este incremento no número de habitantes censados en Monforte ó longo deste ano, marcado por esta pandemia, está en gran parte motivado polas diferentes liñas de axudas postas en marcha polo Equipo de Goberno para paliar entre a poboación os efectos desta crisis, axudas ás que se podía optar cumprindo, entre outros requisitos, o de estar empadroado no municipio.

Axudas como o Plan Reactiva Monforte, que repartiu axudas entre 1.211 empresas, autónomos e traballadores por valor de 543.000 euros. O Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte que supuxo axudar a 4.282 familias, repartindo 10.811 bonos por importe de 270.275 €, que significaron un importante apoio para os sectores económicos de Monforte.

También te podría gustar...