As covas de Valdeorras como referente enoturístico 

  • Deputación e “Ruta do Viño de Valdeorras”  as potenciarán 

A Deputación de Ourense potenciará coa Asociación “Ruta do Viño de Valdeorras” as covas do viño desta comarca, verdadeiras adegas naturais de tradición milenaria, que centrarán boa parte da destacada oferta vitivinícola e de enoturismo na comarca valdeorresa. Así o confirmou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no encontro que mantivo por videoconferencia co presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e coa técnica desta entidade, Cristina Núñez, con que analizou liñas de colaboración “para seguir potenciando as actividades ao redor do mundo do viño en Valdeorras”, afirmou Baltar. 

Videoconferenida Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Joaquín Sánchez (Presidente da AA Ruta do Viño de Valdeorras) acompañados pola técncia da AA, Cristina Núñez.

 

Cooperación

O presidente provincial confirmou que a Deputación de Ourense “continuará a cooperar con esta entidade, como xa vimos facendo en diferentes proxectos, e neste ano 2021 esta cooperación materializarase nunha achega económica de 25.000 euros para gastos de funcionamento e para desenvolver diferentes iniciativas, entre as que figura unha das peculiaridades máis importantes desta denominación de orixe: as covas, un espazo onde o viño e a historia se unen e constitúen un reclamo turístico de indubidable interese, como temos comprobado en actuacións que se levaron a cabo en concellos como Larouco ou Vilamartín”. O presidente do goberno provincial reafirma a colaboración coa Asociación “Ruta do Viño de Valdeorras, “unha alianza que continuaremos afianzando para seguir potenciando unha das fortalezas económicas da comarca valdeorresa”, expresa Manuel Baltar.