• Álvaro Pino será o pregoeiro da XIX Edición da Feira do Viño de Valdeorras
  • Este ano cúmprese o 30 aniversario da súa victoria na Volta a España
  • Unha nova bodega da comarca (O Luar do Sil) participará na Feira, co cal son xa 18 as inscritas
Álvaro Pino (ano 2010) By Frobles

Álvaro Pino (ano 2010) By Frobles

 

O ex ciclista profesional Álvaro Pino, natural do municipio pontevedrés de Ponteareas, será o pregoeiro da XIX Feira do Viño de Valdeorras. A lectura do pregón terá lugar o vindeiro sábado 16 de xullo, a partir das 12,30 horas, no decurso do acto institucional de inauguración da Feira no que participará, ademais, a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez.

Álvaro Pino foi seleccionado como pregoeiro cando se cumpren 30 anos da súa victoria na Volta a España, na que superou a figuras de primeiro nivel como Laurent Fignon, Robert Millar, Sean Kelly ou Perico Delgado. Para Francisco García, presidente do Consello Regulador, “Álvaro Pino é unha figura emblemática do deporte galego e encarna valores de superación, traballo en equipo, solidariedade e sacrificio, que é preciso reivindicar na sociedade actual”. É un pregoeiro perfecto para esta edición da Feira do Viño de Valdeorras  “non só por se cumprir neste ano tres décadas do seu triunfo na Volta a España, senón tamén porque neste 2016 a carreira ciclista máis importante do país dá comezo na provincia de Ourense e discorre en territorio galego durante sete etapas (catro na nosa provincia), máis que en ningunha outra edición”.

Biografía

Álvaro Pino Couñago naceu en Ponteareas (Pontevedra) o 17 de agosto de 1956. Foi ciclista profesional durante unha década, entre 1981 e 1991, e a súa especialidade foron as etapas de montaña. Gañador da Volta a España en 1986, quedou entre os cinco primeiros nesta carreira en dúas ocasións máis (1983 e 1989), ademais de gañar cinco etapas e a clasificación da montaña. O ciclista ponteareano tamén logrou clasificarse entre os dez primeiros no Tour de Francia nos anos 1986 e 1988, e entre os 20 primeiros no Giro de Italia (1983) e no Mundial de Ciclismo en Ruta (1986). Tras abandonar o ciclismo profesional, continou ligado ao mundo da bicicleta como director deportivo de Kelme, Phonak e Xacobeo Galicia; o primeiro equipo ciclista profesional galego, co que gañou a clasificación por equipos da Volta a España en 2009.

 

O Luar do Sil, nova bodega participante

Por outra banda, O Luar do Sil (pertencente ao grupo Pago de los Capellanes), ubicada en Seadur (no Concello de Larouco) confirmou a súa participación na Feira do Viño de Valdeorras, co cal son xa 18 as bodegas inscritas para esta edición do foro vinícola (dúas máis que en 2015).

Xunto a isto, desde o Consello Regulador quérese sinalar que o sábado 16 de xullo pola noite actuará no recinto feiral o grupo Los Brothers (en lugar de Los Correctos, banda que foi anunciada por erro inicialmente). A actuación de Los Brothers terá lugar a partir das 22,00 horas.