Alerta laranxa por neve nas provincias de Ourense e Lugo

  • Espéranse rexistros de ata 25 cm. nas zonas de montaña de ambas provincias e 10 cm. no sur de Ourense
  • O CAE 112 Galicia recorda a necesidade de estremar as precaucións e seguir as medidas de protección pertinentes
Foto: arquivo. Fonte da Cova (Carballeda de Valdeorras)

Foto: arquivo. Fonte da Cova (Carballeda de Valdeorras)

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Vicepresidencia da Xunta, alerta dun temporal de neve de nivel laranxa, que afecta a partir de hoxe, domingo, ás provincias de Lugo e Ourense.

Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este fenómeno adverso afectará ás zonas de montaña de ambas provincias, con rexistros de 25 centímetros; e á zona sur de Ourense, onde serán de ata 10 cm. A cota de neve estará sobre os 500/1000 metros.

Ante esta situación, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou da situación a todos os concellos afectados, bombeiros, Deputacións e servizos de Protección Civil provinciais, entre outros medios.

Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción, tales como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos.

También te podría gustar...