Actuacións de mellora no Pazo de Xustiza de Ourense

  • A Xunta executa melloras no Pazo de Xustiza de Ourense para trasladar en setembro a sección primeira da audiencia ao cuarto andar
  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou o edificio e analizou as vantaxes que supoñen para os cidadáns a reorganización dos espazos do Pazo de Xustiza
  • Estas actuacións realizáronse ao abeiro do Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais que tamén prevé a creación dunha aula de formación para o persoal xudicial e o acondicionamento da sede da Xunta Electoral provincial

DSC_2432

 

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, realizou unha visita ao edificio do Pazo de Xustiza que alberga a Audiencia Provincial de Ourense para coñecer de primeira man o estado das súas instalacións e supervisar o remate das actuacións que se executaron para trasladar a sección primeira da Audiencia ao cuarto andar, a partir de setembro. Os traballos realizados están enmarcados no Plan de eficiencia enerxética e obras menores 2016-2018 que promove a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial deste departamento autonómico, Manuel Pardo, percorreu as dependencias da Audiencia na compañía de membros da xudicatura ourensá, cos que analizou os proxectos de mellora previstos e as necesidades do edificio.

“Con estas actuacións –dixo a delegada territorial- beneficiaranse tanto os traballadores das institucións xudiciais, que gañarán en confort e facilidades para desempeñar as súas funcións, como a cidadanía en xeral, dado que as melloras a realizar contribuirán a incrementar a calidade do servizo prestado aos usuarios”.

Na Audiencia Provincial de Ourense, a Consellería de Presidencia vén de rematar os traballos de adaptación e redistribución de espazos do cuarto andar para acoller a sección primeira do alto tribunal.

DSC_2429

 

O traslado desta sección levarase a cabo a mediados do mes de setembro, á volta das vacacións, polo que as vistas orais dos casos que teñan que ser xulgados por este tribunal se desenvolverán no novo emprazamento a partir desta data.

Ao abeiro do devandito plan prevese tamén o acondicionamento dun espazo para a creación dunha aula de formación para o persoal xudicial, dotada con 25 postos de ordenador; a habilitación do antigo xulgado do social número 1 como sede da Xunta Electoral provincial; e a instalación dunha válvula automática para o peche da auga xeral para evitar posibles inundacións.

A máxima representante do Executivo galego en Ourense lembrou que o Plan de obras nos edificios xudiciais, que durará 3 anos e que prevé un total de 14 actuacións na provincia, ten como obxectivo completar a mellora das condicións dos xulgados galegos.

DSC_2428

 

As recentes actuacións no Pazo de Xustiza responden á estratexia iniciada pola Xunta de Galicia desde a posta en funcionamento do novo edificio xudicial e o traslado de tódolos órganos xudiciais agás a Audiencia, no mes de febreiro do pasado ano, para a reorganización e aproveitamento dos espazos que quedaron baleiros neste inmoble.

Así, hai xa un ano, habilitáronse uns espazos para albergar a sede do Arquivo Xudicial Territorial da provincia de Ourense que acolle a documentación dos xulgados da capital e tamén se están a depositar os expedientes xudiciais dos xulgados da provincia de Ourense, que unha vez gravados na aplicación de expurgo, estean á espera da decisión da Xunta de Expurgo sobre o seu destino.

 

También te podría gustar...