Playa de las CatedralesA Xunta regulará accesos á praia das Catedrais e fará plan de conservación.

O Goberno galego deu hoxe o visto e prace a varias medidas para o coidado ambiental da praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo) e para facer compatible co turismo este espazo da costa luguesa.

Desta maneira, o Goberno galego comprometeuse a actuar en dúas fases -unha de modo inmediato e outro a medio prazo- para conservar este hábitat, que serán presentadas nesta fin de semana pola conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez.

“De forma inmediata, neste mes”, a Xunta porá en andamento un reforzo na vixilancia dos accesos, mellorará a sinalización da praia e delimitará as sendas peonís polas que se pode acceder ao areal, afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois do Consello da Xunta.

A segunda fase, que servirá para tomar medidas a medio prazo, consistirá na elaboración e aprobación dun plan de conservación, un instrumento vinculante para todas as administracións públicas e particulares.

Este documento regulará as normas de uso público do espazo, así como a afluencia de visitantes, os accesos, o aproveitamento do solo e os recursos naturais.

Tamén establecerá os riscos e as ameazas para a conservación, así como unha guía cos valores que hai que protexer e divulgar.

Coas medidas inmediatas evítase a alteración do hábitat polos accesos á praia fóra das sendas habilitadas e co plan de conservación preténdese protexer para o futuro este monumento natural.

EFE