xunta de galiciaA Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, presentaralles aos operadores turísticos do sur de Brasil a oferta turística xeral da Comunidade galega e o Camiño de Santiago, dentro do Festival de Gramado, unha feira de carácter exclusivamente profesional que se celebra ao longo dos días 7 e 8 de novembro nesta cidade do estado brasileiro de Río Grande do Sur.

Nesta ocasión Turismo de Galicia instalará un recinto de 21 metros cadrados no que os visitantes poderán achegarse aos produtos e servizos turísticos de Galicia, así como á historia e ás distintas rutas do Camiño de Santiago.

Ademais, representantes do departamento de Turismo da Xunta de Galicia manterán xuntanzas con operadores turísticos presentes neste certame, considerado un dos máis importantes centros de negocios turísticos do sur de Brasil, con influenza noutros países do Cono sur americano: Uruguai, Paraguai e Arxentina.

Turistas e peregrinos brasileiros

Canto á demanda turística de Brasil no mercado turístico galego, cabe salientar que, segundo datos da Enquisa en destino realizada por Turismo de Galicia, os brasileiros son uns dos principais clientes turísticos da comunidade galega, xunto os arxentinos, mexicanos e venezolanos.

Por outra parte, ao longo do pasado ano, un total de 2.431 brasileiros fixeron o Camiño de Santiago, que supuxeron o 2,2% dos peregrinos totais que chegaron a Compostela en 2013. No que vai deste ano a cifra de peregrinos chegados de Brasil ascende xa ata os 3.168.