A Xunta destaca a importancia da madeira como principal recurso dos nosos bosques e sustento económico e medioambiental
A Consellería de Medio Rural e do Mar destaca a importancia da madeira como un dos recursos principais dos nosos bosques, que permite acadar a sostibilidade económica e medioambiental. Así o sinalou esta tarde o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, quen acompañou aos directores xerais responsables das políticas forestais das CCAA nunha visita ás instalacións da fábrica FINSA.
A visita á FINSA -un dos principais centros de transformación de madeira en España- está enmarcada na reunión de expertos Forest Europe (tamén coñecida como Conferencia Ministerial sobre protección dos montes en Europa), que se leva celebrando esta semana na capital galega. Este percorrido traslada a importancia dun sector estratéxico para Galicia, como o sector forestal, amosando un dos máis grandes centros de transformación que aglutina varias liñas e acabados nun único centro de transformación.
A FINSA destaca polas súas dúas liñas de aserrado, así como a liña de produción de taboleiros de partículas, que son especialmente modernas e innovadoras. As súas instalacións sitúan á empresa como unha das principais e máis modernas empresas forestais en España.
Comité de seguimento de ámbito forestal
Esta mañá tamén tivo lugar o Comité de seguimento de ámbito forestal, que convoca a Dirección xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de España (MAGRAMA). Este Comité serve como foro de participación e debate coas Comunidade Autónomas e ten como principal finalidade presentar as actuacións que, en materia de política forestal, se están a levar a cabo polo MAGRAMA.
Esta reunión, xunto coa celebrada esta semana do Comité de expertos das Conferencias ministeriais de protección dos bosques de Europa, amosan o compromiso que o Goberno galego ten co sector forestal da nosa Comunidade. Deste xeito, a Consellería quere trasladar e dar a coñecer aos principais expertos das CCAA, así como de toda Europa, a importancia económica que presentan os montes galegos como motor do noso desenvolvemento rural.