A rede de museos da Consellería de Cultura incrementa o número de visitantes coa apertura dun novo centro en 2014

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica

 

A rede de museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que incorporou no último ano o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrao de Las (Ourense), incrementou en 2014 o número global de visitantes. As visitas recibidas durante o pasado ano polo Museo de Belas Artes da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Massó de Bueu, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), o museo e o castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei (Lugo), o Parque Etnográfico do Cebreiro, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago de Compostela, e mais o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa –que abriu as súas portas hai un ano– ascenderon a un total de 277.113, fronte aos 257.232 do ano 2013.

Na súa comparecencia sobre o balance da actividade realizada polos museos de xestión autonómica, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou esta tarde no Parlamento de Galicia o importante aumento dalgúns dos centros. É o caso, segundo explicou, cunha taxa de crecemento do 158,9%, do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), que en 2014 levou a cabo dúas exposicións de referencia sobre a figura do Padre Feijoo e a obra de Parada Justel; así como do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo Massó de Bueu, que incrementaron os seus visitantes nun 60,2% e nun 18,6%, respectivamente, con 9.946 e 18.932 visitantes o pasado ano.

Os museos, na rede

Para favorecer o achegamento da cidadanía aos museos e as súas coleccións, o secretario xeral tamén recordou a recente posta en marcha da páxina web museos.xunta.es, un novo espazo na rede dedicado aos museos galegos co que a Consellería de Cultura e Educación pon os seus esforzos ao servizo da difusión dos centros museísticos e das súas coleccións. A través deste novo portal, desenvolvido coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pódese acceder a unha información detallada da rede de museos de Galicia e, particularmente, dos museos xestionados pola consellería, cos seus contidos, pezas relevantes e a axenda de actividades e exposicións programadas nestes centros.

Un “labor esencial” a prol do patrimonio cultural
Na opinión de Anxo Lorenzo, “a rede de museos e centros expositivos propios realiza un labor esencial de difusión do noso patrimonio cultural, que se materializa na práctica por medio de distintas áreas de acción que abranguen, ademais da xestión do servizo de visitas, a actividade in¬vestigadora, o desenvolvemento de actividades de dinamización específica e a propia pro¬gramación expositiva ou artística destes centros”.

Próximas exposicións

Mostra deste labor é a actividade dinamizadora e expositiva que vén desenvolvendo cada un dos centros da rede de museos e que detallou Anxo Lorenzo na súa intervención, ademais de anunciar algúns dos próximos proxectos. Na capital de Galicia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago inaugurará o vindeiro 27 de marzo unha exposición baseada na obra de José Guitián, con fotografías realizadas durante máis de sete décadas que son hoxe verdadeiras iconas e documentos de referencia para poder interpretar a evolución histórica de Santiago.

Esta mesma semana, o xoves 19 de marzo, o CGAC tamén inaugurará a exposición ‘Tectónica’, de Manuel Vilariño, que constitúe unha prospección no universo creativo e poético do artista coruñés, cunha perspectiva que lle permitirá ao público aproximarse á súa obra desde unha visión inédita.

Tamén na cidade compostelá, Anxo Lorenzo referiuse ao labor desenvolvido polo Museo Centro Gaiás, onde, ademais, da recentemente inaugurada exposición ‘Camiño. A orixe’, nos últimos meses se puideron visitar dúas importantes exposicións como foron Auga Doce e CineGalicia 25; “dúas mostras que, xunto co resto da actividade cultural desenvolvida no Gaiás, contribuíron a facer del un polo de dinamización cultural para Galicia”.

“En definitiva –dixo–, a través desta rede de equipamentos tratamos de executar unha actuación de difusión do patrimonio cultural que resulte inclusiva, vertebradora e atractiva para a sociedade galega, co fin de facer dos nosos museos auténticos centros de relación cidadá coa cultura”.