image_gallery

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Banco Pastor veñen de establecer un acordo de patrocinio con motivo da exposición ‘Camiño. A orixe’, que xa se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mais o director xeral de Banco Pastor, José Manuel Hevia, asinaron hoxe a colaboración para tal fin, nun acto ao que tamén asistiu a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Segundo este acordo, Banco Pastor efectúa unha doazón de 30.000 euros para a promoción, divulgación apoio e mecenado desta mostra que ten como finalidade dar a coñecer o fenómeno xacobeo. Pola súa banda, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia comprométese a difundir a participación da entidade en todas as actividades que se leven a cabo no marco desta exposición.

A aportación do Banco Pastor, xunto as do resto de empresas patrocinadoras e colaboradoras, que se irán dando a coñecer nos próximos días, permitirán sufragar integramente a exposición ‘Camiño: a orixe’.

A mostra inaugurouse o pasado venres, día 13 de marzo, e permanecerá aberta ao público ata setembro deste ano no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Dun xeito didáctico, ‘Camiño. A orixe’ trata de explicar a orixe da ruta xacobea e o desenvolvemento dos camiños a Santiago desde a Idade Media ata a actualidade. Nela tamén se fai unha análise da figura de Santiago como apóstolo, da cidade de Santiago como meta e berce do culto xacobeo e da figura do peregrino como verdadeiro protagonista do Camiño.

A exposición reúne obras de grandes mestres da historia da arte, como Alberto Durero ou Bartolomé Estebán Murillo, así como xoias do patrimonio histórico, como o Gallardete de Lepanto, a bandeira que ondeaba no mastil da nao que capitaneaba as naves cristiás na famosa batalla de Lepanto, ou unha armadura de Carlos V.