1A A A A RBO nadal 14

 

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá este ano o seu tradicional “Concerto de Nadal” dende a Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía (Ourense), un evento musical no que se homenaxea nesta ocasión á cantareira Corona Borrajo e que contará coa colaboración da cantante María do Ceo. Será o 27 de decembro, ás 19.00 horas. Así o confirmou hoxe Xosé Lois Foxo, director da Real Banda e da Escola Provincial de Gaitas, no acto de presentación do concerto, que tivo lugar no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; a cantante María do Ceo; e o alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes.

Foxo dixo que este concerto “é unha mostra de dignificación do instrumento senlleiro de Galicia, como é a gaita” e aproveitou a ocasión para anunciar que no decurso do concerto lle será entregada a María do Ceo a Medalla de Ouro da Real Banda “polo seu traballo e colaboración a prol da música tradicional e sinaladamente pola súa colaboración coa Real Banda de Gaitas”.

Rosendo Fernández destacou que para a Deputación de Ourense “é unha honra presentar este concerto porque xungue dous elementos importantes como son a beleza musical que nos ofrece a Real Banda e a beleza artística dun monumento emblemático como é a Colexiata de Xunqueira de Ambía”, e agradeceu o labor que desenvolve Xosé Lois Foxo “botando sempre luz sobre o mundo da cornamusa e achegándonos historia, tradición e aspectos que permiten seguir preservando este instrumento musical e todo o que significa para a nosa terra”.

Pola súa banda, o bispo de Ourense agradeceu que o concerto teña lugar na Colexiata de Xunqueira de Ambía “porque é unha maneira máis de ter presente e de seguir poñendo en valor a historia deste monumento e de espertar consignas en favor da arte e da presenza relixiosa na nosa sociedade”.

O concerto iniciarase cunha mensaxe de nadal e cunha presentación a cargo de María del Carmen López, misioneira do Divino Maestro, e de Jorge Juan Pérez, delegado episcopal para a Vida Consagrada, e contará coa colaboración de Manuel Rey Olleros, organista da Catedral de Ourense, e do actor Fernando Gabelo.

A parte musical dividirase en tres actos: o primeiro, na que a Real Banda interpretará un Himno Litúrxico, para de seguido realizar un Saúdo de Percusión, unha Suite de Pasodobles Galegos e un tema popular, “Reencontro”. No segundo acto actuarán o grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas, as Cantareiras da Real Banda e os gaiteiros Marco Foxo e Noelia Díaz. Na parte final, a Real Banda interpretará temas populares e clásicos; a “Muiñeira de Wojtyla”, composta por Xosé Lois Foxo, e tamén actuará a cantante María do Ceo, para rematar o concerto co Himno Galego.