• A exposición ‘Á luz do Calixtino. o Códice de Santiago’ supera os 3.000 visitantes
  • A exposición de carácter divulgativo e didáctica, organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, percorreu varias cidades europeas e españolas antes de chegar a Santiago
  • A mostra enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO
  • Pode visitarse na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o 3 de novembro

 

calixtino-39074044524601558976A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no marco da candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO, superou a cifra dos 3.000 visitantes.

A mostra de carácter divulgativo e didáctica percorreu cidades cidades europeas e españolas antes de visitar Santiago para reforzo e apoio a dita candidatura.

A exposición conta con textos, fotografías, o facsímil do documento, pezas orixinais así como recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice onde a creatividade contemporánea forma parte do proxecto.

Así mesmo, ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do Calixtino en lingua galega, a exposición mostra unha serie de fotografías actuais do Camiño de Santiago, de artistas como Luís Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.

Trátase, deste xeito, dunha maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI.

A mostra permanecerá aberta ao público de luns a sábado ata o próximo 3 de novembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.