A Gudiña «converterase na capital do automobilismo galego»

  • O III RallyMix da Gudiña une deporte e natureza por medio do automobilismo
  • Manuel Baltar lembrou a figura de Guillermo Lago, «alma máter» desta proba deportiva que promove a dinamización social e económica desta comarca da provincia de Ourense»

0 0 0 0 MB e 3 RallyMix may16

 

A terceira edición do «RallyMix da Gudiña», 1º Memorial «Guillermo Lago», celebrarase os días 21 e 22 de maio. A presentación da proba automobilística tivo lugar onte no Pazo Provincial, e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, o director deportivo de HC Competición, Antonio Pérez, e o gañador da edición do pasado ano, Iago Silva.

Manuel Baltar dixo que a vindeira fin de semana A Gudiña «converterase na capital do automobilismo galego» porque este tipo de eventos deportivos promoven a «dinamización económica e social, así como a proxección mediática, non só da Gudiña senón de toda a provincia». O presidente do goberno provincial destacou que este evento servira tamén para lembrar a figura do que fora alcalde da Gudiña, Guillermo Lago, recentemente falecido, «alma máter desta proba», e agradeceu aos organizadores e ao Concello da Gudiña a celebración da proba «que, cos anos, converterase nun clásico dentro do panorama deportivo, pois é un evento que constitúe un reclamo, pola espectacularidade e, sobre todo, polo entorno no que se disputa».

O director deportivo de HC Competición, explicou os aspectos técnicos, destacando que este ano o tramo é de algo máis de 11 quilómetros. «Mantemos boa parte do trazado pero incorporamos outro tramo novo, de gran complexidade técnica para os pilotos». En canto ao número de participantes, Antonio Pérez dixo que hoxe mesmo «hai máis de vinte inscritos, pero esperamos que o groso das inscricións se realice esta semana, coa participación de pilotos de Galicia, Asturias, Portugal e Castela León».

O alcalde da Gudiña destacou que o RallyMix «é unha proba moi importante para a Gudiña, pola cantidade de xente que atrae e pola publicidade que xera, xa que supón unha promoción e unha inxección económica moi importantes para o noso municipio», salientou José Maria Lago.

Iván Corral agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio ao automobilismo, e lembrou a Guillermo Lago como «o máximo impulsor desta proba». Pola súa banda, o piloto Iago Silva dixo que loitará novamente por estar nos «postos de cabeza», e destacou a importancia de que o público asistente se coloque nos lugares axeitados «para unha maior seguridade».

También te podría gustar...