• Está composta por 125.000 exemplares das principais cabeceiras de Galicia, algunhas delas xa desaparecidas como “A Peneira”, “El Pope”, “El Litoral” ou “Galicia Viva”, entre outros
  • Parte dos documentos doados tamén se incorporan á Biblioteca Dixital Galiciana e, a través dela, á Biblioteca Dixital Europea, Europeana

image_gallery (1)

 

Grazas á doazón efectuada pola Fundación Barrié, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, incorpora a hemeroteca desta entidade, composta por exemplares de xornais das principais cabeceiras de Galicia desde hai máis de corenta anos. A doazón formalizouse nun acto no que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, agradeceu a “xenerosidade e altura de miras” da Fundación Barrié por doar “esta importantísima colección histórica de xornais”. “Materiais para a historia -sinalou- que de aquí en diante se poñen a disposición dos investigadores, para o avance do coñecemento e, por tanto, da propia sociedade galega”, ademais de contribuír a cumprir a función da Biblioteca de Galicia como centro de preservación do patrimonio bibliográfico.

Pola súa banda José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, sinalou que “cando a Fundación Barrié decidiu encadernar e preservar a prensa diaria de toda Galicia, aló polo ano 1973, a historia de España estaba a punto de entrar nun período que chamamos Transición, un período sen dúbida apaixonante tamén no que á prensa se refire, que viu nacer, e tamén morrer, algunhas cabeceiras, que viu desde logo transformarse a todas”. “Pouco a pouco -engadiu José María Arias-, o debate público saía das estreitas canles onde estaba retido, e os xornais adquirían un papel para o que sen dúbida estaban chamados: formar cidadáns, darlles información e darlles a palabra”.

A hemeroteca da Fundación Barrié comprende as principais cabeceiras de Galicia desde o ano 1974, así como as edicións rexionais de algunhas cabeceiras a nivel nacional como ABC, El Mundo ou El País. Está composta por un total de 125.000 exemplares de xornais e ocupa en torno a 6.800 volumes encadernados.

Durante os anos que abarca, Galicia viviu importantes acontecementos da súa historia como a chegada da democracia, a aprobación do Estatuto e a subseguinte construción da Autonomía. Son tempos de unha importante revitalización da prensa escrita coa aparición de novas cabeceiras, moitas delas xa desaparecidas (A Peneira, El Pope, El Litoral Gallego, Galicia Viva), e a apertura de todas ao debate público. A doazón da hemeroteca supón a incorporación á Biblioteca de Galicia -que ten entre as súas tarefas preservar o patrimonio bibliográfico- dun importante testemuño da historia recente.

A Biblioteca de Galicia incorporará aqueles tomos da hemeroteca da Fundación Barrié que considere de especial valor histórico ou rareza bibliográfica, á Biblioteca Dixital de Galicia “Galiciana” e, a través dela, á Biblioteca Dixital Europea “Europeana”.

image_gallery (3)