Nanos

 

A firma galega Nanos estuda a apertura de novas tendas en Panamá e Berlín nos próximos meses, tras inaugurar a pasada semana outro establecemento na Arabia Saudita, en Riad, e que se suma aos dous que xa tiña en Kuwait.

A nova tenda en Riad City, aberta o pasado xoves, conta cun espazo de 150 metros cadrados situado no Centro Comercial Al-faisaliah Mall, o edificio máis alto da Arabia Saudita, informa a firma nun comunicado.

Esta nova apertura, sostén, responde á súa liña de expansión internacional cun novo concepto de tendas presentadas na súa Flagship Store da Coruña.

Nanos, dedicada á moda infantil desde hai máis de 50 anos, conta con case 200 traballadores no cadro de persoal e 60 tendas en todo o mundo, con presenza, ademais de España, en México, Reino Unido, Dubai, Arabia Saudita, Portugal, Santo Domingo e os Estados Unidos.

EFE