A Consellería de Cultura e Educación programa actividades especiais para nenos nesta segunda semana das vacacións de Nadal na Biblioteca pública de Ourense

xunta de galiciaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa actividades especiais para os máis pequenos da casa na Biblioteca Pública de Ourense nesta segunda semana de vacacións de Nadal, no marco da ampla oferta de actividades que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad preparou para estas datas. De feito, o calendario conta con máis de 70 accións nos museos e bibliotecas que del dependen nas catro provincias galegas ata pasado o día de Reis.

Así, os día 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro ‘Martiño alumea o medievo’ achegará ás nenas e nenos de 7 a 12 anos á literatura medieval, en sesións que se celebrarán na Sala infantil ás 11,30 horas. Para os rapaces de máis de 12 anos, hai preparado un obradoiro creativo no que Xes Chapela ensinará a producir curtametraxes a partires de textos da biblioteca. ‘Libros, imaxes e curtametraxes’ desenvolverase os días 27, 29 e 30 na sala de actividades do segundo andar.

Ademais, os cativos entre 5 e 7 anos, poderán gozar o día 30 ás 18 horas de ‘O chacal e o Ourizo. Conto con Kamishibai’, onde Xosé Carlos emprega a técnica xaponesa que se basea en láminas de papel que teñen por unha cara a historia escrita e pola outra os debuxos que a ilustran. A narración realízase colocando as láminas en orde nun teatriño de 3 portas coas imaxes de cara aos espectadores e deslizándoas segundo vai transcorrendo o conto.

También te podría gustar...