A Consellería Cultura e Educación impulsa a produción de 11 novas longametraxes de ficción e documentais, unha serie de animación e unha miniserie televisiva

Agadic-XuntaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa a realización de 13 novos proxectos de produtoras galegas de cine e de televisión a través das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, para as que este ano se convocaron dous millóns de euros, un 81,8 por cento máis ca en 2013. En concreto, contribuirase ao financiamento de 11 longametraxes de ficción e documentais, así como de dúas series televisivas: unha de animación e unha miniserie histórica.

Coa resolución desta liña de apoio, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad completa as adxudicacións ao abeiro do programa de axudas públicas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) ao sector audiovisual galego, que contou para as súas cinco convocatorias de 2014 cunha dotación conxunta de 2,53 millóns de euros, experimentando así un incremento do 92,25 por cento respecto do ano anterior.

Cinco convocatorias e 52 proxectos apoiados
En total, este ano apóianse economicamente 52 iniciativas audiovisuais entre as que, ademais das devanditas producións cinematográficas e televisivas, se atopan outras 13 propostas presentadas por novos creadores (guións, curtametraxes e longas), o desenvolvemento de 12 proxectos en fase preprodución, a promoción e difusión de nove películas e a celebracións de cinco festivais.

No caso das subvencións para producións e coproducións, que constitúen a principal liña de investimento no marco deste programa xeral de axudas ao sector en Galicia, o incremento da súa dotación tradúcese igualmente no aumento das propostas seleccionadas: 13 en 2014 fronte a nove en 2013. Ademais, este ano introduciuse unha reestruturación en canto ás modalidades de subvención, entre outras novidades a través das que se procurou atender as necesidades específicas dos procesos de produción cinematográfica e televisiva.

Produtos para cinema e para televisión
Así, dentro da modalidade de longametraxes de ficción e documentais para cinema, apóianse seis filmes: as películas ‘Sicixia’, de Vía Láctea Filmes; ‘María (y los demás)’, de Frida Films; ‘As mimosas’, de Zeitun Films; ‘Migas de pan’, de Xamalú Filmes, e ‘Toro’, de Zircozine, así como o documental ‘We The Media’, de Sun Lúa.

As sete propostas restantes corresponden a producións para televisión, entre as que figuran catro documentais (‘Os días afogados’, de Amanita Films; ‘O ferry de Portodemouros’, de Formato Producciones; ‘A seara’, de Producións A Fonsagrada, e ‘Poesía#Fronteira’, de Alfonso Vázquez Cortizo); a longametraxe ‘Os fillos do sol, a historia da creación de Zeltia’, de Portocabo TV; a miniserie ‘Juana de Vega e a alumna da liberdade’, de Zenit Televisión; e a serie de animación ‘Cocorico’, da Editora OQO.

A adxudicación destas axudas resolveuse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuou as propostas seguindo o baremo fixado nas bases. Con tal fin, tivéronse en conta aspectos relacionados coa calidade do proxecto (interese e potencial, valoración do guión, e se nos anos anteriores contou con subvención da Agadic nas convocatorias para o desenvolvemento de proxectos ou escrita de guión), a súa relevancia cultural (presenza do idioma galego na versión orixinal, contribución do proxecto á cultura galega etc.), a súa achega á nosa cinematografía e á promoción do talento audiovisual galego (lugar de rodaxe, equipo creativo e artístico vinculado profesionalmente a Galicia, dirección novel ou porcentaxe de mulleres no equipo autoral e creativo) e a súa viabilidade económica e industrial (plan de financiamento, solvencia técnica da produtora, deseño da produción e estratexia de márketing e difusión).