xunta de galicia

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Teatro Principal de Ourense no desenvolvemento da carteleira de teatro e música que o espazo escénico da Deputación ourensá despregará durante o primeiro semestre de 2015. Así, cinco das 25 montaxes que se presentarán entre xaneiro e xuño insírense á súa vez na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución de espectáculos que o departamento de dirixe Xesús Vázquez Abad cofinancia xunto con entidades públicas e privadas de toda Galicia.

O Principal será, ademais, un dos destinos da xira que o Centro Dramático Galego desenvolverá coa súa próxima produción propia, ‘Xardín suspenso’, para a que contará con Cándido Pazó na dirección. Esta versión en galego da obra do portugués Abel Neves escenificarase en Ourense os días 16 e 17 de maio.

En representación da Consellería de Cultura e Educación, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, acompañou hoxe a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, na presentación desta nova programación. Na súa intervención, Sutil fixo fincapé precisamente na súa oferta como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, unha “canle continuada de colaboración” no marco da que tres compañías galegas de moi variados estilos e traxectorias actuarán neste espazo.

Producións galegas

En primeiro lugar, A Panadaría, un dos grupos revelación da actual temporada escénica, presentarase no escenario da rúa Paz o 7 de febreiro con ‘Pan! Pan!’, o espectáculo de debut co que Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman obtiveron o Premio Xuventude Crea 2013.

Xa en marzo, os días 28 e 29, será a quenda da histórica compañía Teatro do Atlántico coa súa nova proposta, ‘O principio de Arquímedes’, obra de Josep María Miró i Coromina que interpretan María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. A terceira produción galega en chegar á cidade das Burgas será ‘O crédito’, de Jordi Galcerán e protagonizada por Antonio Durán “Morris” e Pedro Alonso, que Eme2 representará os días 11 e 12 de abril. Tanto ‘O principio de Arquímedes’ como ‘O crédito’ contaron para a súa realización co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco das subvencións á produción escénica convocadas anualmente pola Agadic.

Tamén a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Principal de Ourense é un dos escenarios incluídos na xira española de outras dúas destacadas propostas: ‘En el estanque dorado’, con Lola Herrera e Héctor Alterio, e ‘El nombre’, con Amparo Larrañaga no papel protagonista.

Seis citas co apoio da Consellería

O director da Agadic subliñou que estas seis citas apoiadas pola Consellería forman parte dunha carteleira máis ampla, que se lles ofrece aos espectadores ourensáns unha panorámica sobre “o máis interesante que no eido escénico se está a facer tanto dentro como fóra de Galicia, situando este centro cultural nun lugar destacado entre cantos se dedican a programar artes escénicas e musicais na nosa Comunidade”.

“Neste sentido –continuou– a participación do Teatro Prinicipal non só na Rede Galega de Teatros e Auditorios, senón tamén na Red Española de Teatros, Auditorios y Circuitos de Titularidad Pública, así como no Programa Estatal de Artes Escénicas PLATEA, é proba dunha capacidade de xestión que permite que o público galego se beneficie adicionalmente de proxectos para a difusión escénica promovidos polas distintas administracións”.

Venda de bonos e entradas

Tanto a nova proposta do Centro Dramático Galego como os cinco espectáculos contratados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios están incluídos no programa de abonos do Principal, que se poden adquirir desde hoxe e ata o vindeiro 30 de decembro ben no despacho de billetes do propio teatro, ben a través do teléfono de venda de localidades de Abanca (902 434 443). As entradas individuais estarán dispoñibles a partir do día 2 de xaneiro.