Conselleria_Educacion_GaliciaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir unha nova liña de actuación para apoiar a celebración de grandes congresos universitarios nos sete campus galegos, a través da sinatura dun convenio no que cada universidade incluirá os eventos máis relevantes por orzamento, número de participantes e repercusión sobre a cidade na que se realiza. Así o explicou esta mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na presentación das XXV Xornadas Hispano-lusas de Xestión Científica, as primeiras que se acollen a esta liña de apoio.

O obxectivo desta nova actuación de soporte ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) é favorecer o desenvolvemento de grandes eventos destas características, tanto polas oportunidades académicas que ofrecen como para favorecer os beneficios do turismo de congresos en Galicia. A intención da Consellería consolidar esta liña de actuación posto que repercute de xeito indiscutible creando riqueza para a cidade sede do evento e no aumento do prestixio para a universidade que o organiza.

A XXV Xornadas Hispano-lusas de Xestión Científica celebraranse no campus de Ourense da Universidade de Vigo os vindeiros 5 e 6 de febreiro, e reunirán a 300 congresistas arredor de máis de 250 proxectos de investigación. O obxectivo deste congreso é promover e a colaboración en proxectos de ensino e investigación entre universidades españolas e portuguesas, servindo como espazo para o intercambio de ideas en diversos campos e áreas de xestión científica. A ampla traxectoria do congreso, que celebra o seu 25 aniversario este ano, e o seu prestixio supoñen unha grande oportunidade para o Sistema Universitario de Galicia, especialmente pola veciñanza con Portugal, que abre infinitas posibilidades para o establecemento de sinerxías.