Concello de A Pobra de Trives

O Concello da Pobra de Trives decidiu que a Casa da Cultura leve o nome do ilustre mestre da vila, Julio Vázquez. A partires de hoxe o espazo público adicado á cultura e ao lecer coñecerase como AUDITORIO JULIO VÁZQUEZ en homenaxe a un veciño que viviu e traballou en Trives e que se identificou coas mellores aspiracións de todos e todas os triveses e trivesas.

A decisión municipal recolle a aspiración da inmensa maioría da cidadanía de honrar a un home bo e xeneroso que loitou a prol da convivencia e polo desenvolvemento e progreso educativo, social e cultural.

Julio Vázquez non só fundou o Museo da Escola e da Infancia, donando os materiais necesarios para convertir a institución nun centro referente do país, senón que entregou xenerosamente o seu maxisterio, e despertou a conciencia crítica e de cidadanía militante no seu alumnado para tratar de construir unha vila máis próspera e coa ambición permanente de conquerir maior xustiza social.

A cidadanía de Trives agradece o compromiso cívico, ético e político de Julio Vázquez e co seu nome inviste solemnemente o edificio das artes e da palabra.

O acto de homenaxe facémolo situados no presente pero arroupados pola nosa memoria. Somos máis dos que parece porque ao noso carón están todos e todas os que xa non están físicamente. Recordar convértese hoxe nunha afirmación de presente e nun xeito definitivo de compromiso cun futuro posible.

ACTO DE INAUGURACIÓN

O mércores 27 de agosto ás 20:00 horas no Auditorio Julio Vázquez ten lugar un acto cívico e cultural no que se proxectarán fotografías e imaxes de Julio Vázquez. Así mesmo representarase alguha das pezas teatrais que o mestre dirixiu ao longo da súa dilatada traxectoria profesional.

Ao rematar o acto descubrirase unha praca situada na fachada do Auditorio.