Tres centros educativos da provincia con Ciclo de Transporte e Mantemento de Vehículos reciben material doado por PSA PEUGEOT CITROËN

PSA vehículo Laboral

 

Os alumnos e alumnas da familia profesional de Transporte e Mantemento de vehículos de tres centros da provincia de Ourense que imparten Formación Profesional poden facer prácticas na aula a partires agora co material que a empresa PSA Peugeot Citroën cedeulles, o que lles permitirá afondar na mellora da súa formación práctica. Esta doación da automobilística enmárcase dentro dos acordos de colaboración que mantén dende hai tempo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na formación de alumnado de FP.

A automobilística puxo a disposición do departamento de Educación autonómico material procedente da súa fábrica: 2 vehículos, 4 motores e unha caixa de cambios que se repartiu entre centros educativos de toda Galicia. En concreto, na provincia de Ourense o IES Universidade Laboral, na capital, recibiu un vehículo C4 Picasso; mentres que o IES García Barbón, en Verín, e o IES Lauro Olmo, no Barco de Valdeorras, recibiron candanseu motor.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acudiu esta mañá ao IES Universidade Laboral para participar no acto de entrega do vehículo. Na súa intervención, Martínez subliñou a importancia deste tipo de acordos de colaboración entre as empresas e a administración educativa, dirixidas a mellorar as ferramentas e recursos coas que se forman os futuros técnicos. En concreto, o turismo doado para a Universidade Laboral será empregado para a realización de prácticas por parte do alumnado dos ciclos formativos de Grao Medio de Electromecánica de Vehículos, de Carrozaría e ciclo superior de Automoción.