Jesús Gamallo no Seminario sobre estratexias macrorrexionais e de conca marítima na UE

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañou onte ao coordinador da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, na presentación en Bruxelas da Macrorrexión do Suroeste de Europa (RESOE). Esta tivo lugar no contexto do seminario “Como se están a incluír nos Programas Operativos Rexionais as estratexias macrorrexionais e de conca marítima”, celebrado ao abeiro dos Open Days 2014 – Semana Europea das Rexións e Cidades.

Durante a súa intervención, Nuno Almeida deu a coñecer aos asistentes esta iniciativa de cooperación territorial posta en marcha en 2010 que abrangue, ademais do Norte de Portugal e a Galicia, a Asturias, Castela e León e Centro de Portugal, representando así en conxunto un 20% da poboación da Península Ibérica. Gamallo e Almeida destacaron na súa presentación o feito de que, aínda cando a RESOE non responde aos estándares de definición das estratexias macrorrexionais e de conca marítima impulsadas dende a UE, comparte con elas os obxectivos implícitos de integración territorial e posta en común de obxectivos e medios, de maneira que pode funcionar como complemento da Estratexia Atlántica, promovida pola Unión Europea para impulsar o crecemento e o emprego en todos os territorios bañados polo Océano Atlántico.

Así, o responsable portugués identificou este novo enfoque baseado na colaboración supranacional como unha resposta efectiva ás inadecuacións de moitas divisións administrativas, a miúdo incapaces de adaptarse ás situacións existentes no eido da xestión do territorio. Nesta liña destacou como a cooperación establecida entre as cinco rexións que conforman a RESOE pode implicar unha significativa mellora da súa cohesión territorial, ao mobilizar, dende un enfoque de “abaixo-arriba”, aos Estados, sociedade civil e sector público e privado.

Ao termo da intervención, Almeida mantivo un encontro con Jesús Gamallo, no que ambos reafirmaron a súa vontade de colaboración e a súa firme aposta polo traballo conxunto da RESOE en desafíos comúns a ambas rexións como o cambio demográfico. Así mesmo, lembraron que Galicia e Norte de Portugal teñen xa un firme percorrido no terreo da cooperación transfronteiriza debido ao traballo conxunto desenvolvido dende a sinatura en 1991 do Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, que agromou, no 2010, na Agrupación Territorial de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP).

Macrorrexión RESOE

A Macrorrexión RESOE naceu en 2010 como unha iniciativa de cooperación territorial pioneira no sur do continente europeo. Ten entre os seus obxectivos gañar máis peso en Europa, ademais de aumentar as posibilidades de acceder a fontes de financiamento comunitario a través do establecemento de prioridades estratéxicas para o territorio que abrangue, especialmente de cara ao novo período de orzamentos que vén de abrirse en 2014.
Coa creación de RESOE logrouse un reforzo da alianza político institucional entre Galicia, Castela –León, o Norte de Portugal e, recentemente, Asturias e o Centro de Portugal. As tarefas de cooperación artéllanse en cinco grupos de traballo, centrados nos eidos do transporte e a loxística, da competitividade industrial, da demografía, do turismo e o fomento do emprego e de educación, cultura e I+D+i. Galicia lidera este último grupo de traballo no que se atopa a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa (CRUSOE) coa que se pretende contribuír a consolidación do espazo común europeo para a Educación Superior.