A Xunta apoia o Festival Internacional de Teatro de Ourense no que participan 13 compañías

Fito (1)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración do VII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que se desenvolverá do 2 ao 18 de outubro na cidade das Burgas coa participación de 12 compañías de distintos xéneros e procedencias. Os grupos galegos Matarile Teatro, Aporía, Chévere e Voadora protagonizan esta cita ourensá xunto con outras nove formacións doutras comunidades españolas, Francia, Portugal e Chile.

Organizado pola compañía Sarabela e dirixido por Ánxeles Cuña, o FITO é un dos festivais máis importantes, por traxectoria e contidos, do circuíto de exhibición galego. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na rolda de prensa do certame, na que explicou que o FITO é un dos dez eventos escénicos subvencionados este ano a través da nova convocatoria pública de axudas a festivais profesionais de artes escénicas convocadas polo departamento autonómico dirixido por Xesús Vázquez, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En concreto, o festival ourensán resultou adxudicatario dunha subvención de 24.800 euros.

Rogelio Martínez, que compartiu o acto con Ánxeles Cuña; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense; César Gil, asesor cultural da Deputación ourensá; e Ana Garrido, concelleira de Cultura e Educación de Ourense; destacou o esforzo que realizan as distintas administracións públicas xunto á compañía Sarabela para continuar cos niveis de calidade do FITO e asegurar, deste xeito, a súa continuidade.

O delegado territorial desexoulle éxito aos organizadores do certame, ao tempo que fixo un chamamento á cidadanía para que consuma cultura e acuda ao teatro.

Fito

Programación

O FITO 2014 amosará os últimos espectáculos de catro compañías galegas. Trátase de Matarile, que escenificará Homes bisagra e Teatro Invisible; Aporía, que representará 30 e tantos ósos; Chévere, con Ultranoite no país dos ananos e Voadora con A Tempestade.

Tamén figuran na carteleira outras 9 compañías de fóra de Galicia, como son Patrice Thibaud (Francia), Viaje Inmóvil  (Chile-Francia), Teatro da Didascália (Portugal), Choni Compañía Flamenca (Andalucía), Compañía Fernando Hurtado (Andalucía), The Funamviolistas (Andalucía), Titzina Teatro (Cataluña), Tshock Cultura Emocional (Baleares) e a compañía catalana de Sergi López e Jorge Picó, que pechará o festival o sábado 18 co seu espectáculo 30/40 Livingstone.

As funcións terán lugar no Auditorio Municipal, no Teatro Principal, no campus universitario e noutros emprazamentos ao aire libre.

Ademais das actuacións artísticas, a programación  do FITO 2014 complétase co curso de laboratorio de dramaturxia, impartido pola escritora Bárbara Colio, a presentación do libro de Marifé Santiago Bolaños “El secreto de Ofelia: teatro, tejidos, el cuerpo y la memoria”, entre outras actividades.

También te podría gustar...