• Womex 2016 organiza 45 concertos abertos ao público con artistas procedentes de 40 países
  • Xa están á venda as entradas para esta programación, que ofrecerá en Santiago de Compostela, entre o 20 e o 22 de outubro, unha selección do mellor da escena emerxente internacional no ámbito da música tradicional
  • O secretario xeral de Cultura destacou a calidade e a diversidade da oferta cultural que traerá á capital de Galicia a maior feira de músicas do mundo

 

header_womex_16_654x130

Do 20 ao 22 de outubro, a programación do Womex 2016 ofrecerá 50 espectáculos abertos ao público –45 concertos e cinco sesións de DJ– na capital de Galicia, con grupos e artistas procedentes de 40 países e de catro continentes. A Praza da Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán os escenarios dunha programación que evidencia “a calidade e a diversidade da oferta cultural que ofrecerá en Galicia o encontro profesional e artístico máis importante das músicas do mundo”.

Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación desta programación aberta ao público no Womex, e que constitúe unha clara aposta polas vangardas en diferentes territorios de todo o mundo, cunha selección do mellor da escena emerxente que se vai lanzar a nivel mundial, en países como Xapón ou Portugal, pasando por Mauritania, Finlandia, Macedonia, Uzbekistán, Colombia, Canadá e China.

As entradas para os concertos do Womex 2016 abertos ao público –que xa están á venda, a través de http://entradas.abanca.com– amosarán as expresións máis contemporáneas da música que se está a facer actualmente no mundo con base na raíz e que volven darse cita en Santiago de Compostela, logo de que en 2014 a capital de Galicia acollera, por vez primeira, este evento internacional. Neste sentido, Anxo Lorenzo asegurou que a reelección de Galicia como sede do Womex supón “un recoñecemento ao traballo e ás capacidades demostradas en 2014, pero tamén ao prestixio actual da música galega e á fortaleza creativa da nosa industria musical actual”.

Músicas de 40 países
Procedentes da península Ibérica chegarán os galegos Radio Cos, Xabier Díaz e Narf, ademais de La Negra, El Niño de Elche, Nakany Kanté e Xarnege (do resto do Estado); e Gisela Joao, Reyfado Lisboa e Throes + The Shine (Portugal). Do resto de Europa actuarán Okra Playground (Finlandia), Bella Ciao (Italia), Trad. Attack! (Estonia), NY Gypsy All Stars (Macedonia / Turquía / Grecia / USA), MHD (Francia), Oligarkh (Rusia), Ponk (República Checa), Vassvik (Noruega) e United Vibrations (UK).

A presenza de América, tanto do sur como do norte, é cumprida: Puerto Candelaria (Colombia), Bixiga 70 (Brasil), The East Pointers (Canadá), Delgres (Guadalupe / Francia), C4 Trio (Venezuela), Edmar Castaneda Trio (Colombia/EEUU), Bareto (Perú), iLe (Porto Rico), Quinteto Bataraz (Arxentina), Pascuala Ilabaca y Fauna (Chile), Les Tireux D’Roches (Quebec), Boogat e Quique Escamilla (México/Canadá), Nomade Orquestra e Anelis Assumpção (Brasil).

África tamén estará presente, con artistas como Derek Gripper (Sudáfrica), Faada Freddy (Senegal/Francia), Mehdi (Marrocos), Bargou 08 (Tunisia/Bélxica), Noura Mint Seymali (Mauritania), Jupiter / Okwess (DR Congo), Kondi Band (Serra Leoa), José Mucavele (Mozambique), Trio Da Kali (Mali) ou H’Sao (Chad/Canadá).

Finalmente, Asia, que cada vez incrementa máis a súa presenza en Womex, estará representada por Maïa Barouh (Xapón/UK), Black String (Corea do Sur), Dudu Tassa & The Kuwaitis (Israel), Adnan Joubran (Palestina/Francia), Tulegur (China) e mais Maltese Rock (Xapón).

DJ Summit
Xunto cos concertos, na sala Capitol celebrarase o DJ Summit, que reunirá o venres 21 e o sábado 22 varias promesas da mestura de ‘world music’. Son DJ Rachael (Uganda), Acid Arab DJ Set (Francia), El Remolón (Arxentina), H.A.T. (Morocco/USA) e DJ Satelite (Angola/Portugal).

Womex Quintana Festival
O maior escenario aberto ao público será a carpa situada na Praza da Quintana, que traerá a oferta máis festivaleira, con seis concertos cada noite ao prezo de 20 euros. Alí poderemos ver a 18 bandas da Selección Oficial, elixidas por un xurado internacional entre as máis de 1.400 candidaturas chegadas desde todo o mundo.

Bono ‘full pass’
Os máis fans da ‘world music’ poderán asistir aos 45 concertos (nos escenarios da Praza da Quintana, Auditorio Abanca, Teatro Principal e Salón Teatro) e ás cinco DJ sessions. Pero debido ao aforo limitado só están á venda 200 pases ao prezo de 55 euros.

Proxección dos artistas e da industria musical galega
Ademais dos artistas galegos que están presentes na programación –Radio Cos, Fran Pérez ‘Narf’ e Xabier Díaz–, a proxección da música galega verase tamén reforzada en Womex 2016 cunha nova edición do programa previo Focus GalicianTunes, que consiste en atraer a Galicia nos días anteriores a Womex unha selecta representación dos principais programadores, ‘mánagers’ e axentes que participarán no evento. Isto permitirá que poidan visitar distintos espazos culturais en varias cidades e presenciar concertos-showcases de artistas galegos especialmente deseñados para eles.

Non menos importante será o stand que a marca GalicianTunes ocupará nun lugar destacado do recinto feiral da Cidade da Cultura, desde onde a Xunta de Galicia traballará xunto coas empresas galegas acreditadas a prol da máxima difusión exterior da nosa música e dos nosos artistas.

Compostela é a cidade máis pequena na que se instalou o Womex nos seus 22 anos de historia. Tras o éxito de 2014, a organización repite en Galicia debido ás altas puntuacións dos delegados que participaron. Para a preparación da vindeira edición, patrocinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, polo Concello de Santiago, pola Deputación Provincial da Coruña e por Mahou, xa hai máis rexistros a estas alturas que na mesma época de 2014, e os stands están esgotados.

CULTURA