Viaxeiros Bus Urbano de Monforte: media mensual superior ás 4.000 persoas

  • O Bus Urbano de Monforte alcanzará os 50.000 viaxeiros a finais de ano, a mellor cifra da súa historia
  • O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, salienta os bos datos que está tendo o bus urbano gratuíto neste 2021, que ata setembro rexistra 37.550 viaxeiros, cunha media mensual superior ás 4.000 persoas ó mes, “polo que a previsión é, se se manteñen as cifras nos meses que restan, superar a finais de ano os 50.000 usuarios”
  • No ano 2020, no que se puxera en marcha o novo bus urbano gratuíto de Monforte, concretamente o 1 de febreiro, alcanzáranse ós 34.655 usuarios, e hai que ter en conta ademais que o servizo do bus urbano estivo suspendido entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno a raíz da crise do COVID-19
  • Sen embargo, en 2019, foron 14.422 os usuarios, polo que o incremento en 2020 é do 240 %, e a finais de 2021 suporá o 346% de aumento no que a viaxeiros se refire
  • “Dende o Concello”, destaca o Alcalde, “estamos moi satisfeitos por estes datos e pola positiva valoración que os veciños de Monforte fan deste servizo, que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano”

 

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no que levamos de ano 2021, que alcanza os 37.550 usuarios de xaneiro a setembro.

O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2021 supera ás 4.000 persoas ó mes, polo que a previsión é, se se manteñen as cifras nos meses que restan, rebasar a finais de ano os 50.000 usuarios”, destaca o Alcalde.

Do mesmo xeito, o Alcalde subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2020, un 240% máis de persoas que en 2019, e a finais de 2021, suporá o 346% máis de viaxeiros, o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019. E en 2021, con respecto a 2019, son 23.128 usuarios máis, sen contar os tres meses que restan para finalizar o ano.

Hai que ter en conta ademais que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019. 

Desglose de usuarios

Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2021 foi o seguinte:

Mes

Número de viaxeiros

Xaneiro

3.209

Febreiro

3.729

Marzo

4.189

Abril

4.297

Maio

4.667

Xuño

4.395

Xullo

4.179

Agosto

4.280

Setembro

4.605

Total

37.550

 

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano”. 

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día

O Bus Urbano que comezou o seu servizo en Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste senso, o Alcalde sinal que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este  novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal. 

Principais características do novo Autobús urbano de Monforte

O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro de 2020, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:

  • Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
  • Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
  • Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
  • Conta cun máquina rexistradora de usuarios, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
  • Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
  • Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
  • Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
  • Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
  • Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o condutor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chofer.
  • Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asento daquel.
  • Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.