Un total de 15 menores do centro de Monteledo participaron nunha acción de formación en xardinería no marco do ‘Insergal’

arton300-5293cUn total de 15 menores do centro de reeducación Monteledo de Ourense realizaron, entre setembro e decembro de 2014, un curso de formación para desempregados (AFD) centrado en ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’ e con 348 horas de duración, no marco do programa ‘Insergal’, unha iniciativa que oferta recursos de formación prelaboral dentro dos centros.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz; e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González; entregaron o pasado mércores os diplomas aos participantes, que lles permitirá obter un certificado de profesionalidade con validez estatal, que supuxo unha inversión á Consellería de Traballo e Benestar de máis de 28.000 euros.

Neste sentido, Ana Díaz lembrou que desde 2009 financiáronse actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade e indicou que este ano a práctica totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería están vinculadas á obtención dun destes certificados, “o que sitúa a Galicia á cabeza de todas as Autonomías” neste tipo de formación.

Pola súa banda, Amparo González explicou que o programa ‘Insergal’, desenvolto en colaboración coa fundación Camiña Social, e ao que o departamento autonómico destinou 162.000 euros en 2014, ten por obxectivo o traballo remunerado e a formación ocupacional dos menores internados en centros. Diríxese a menores de máis de 16 anos suxeitos a medidas xudiciais na rede de centros de reeducación de Galicia. En 2014 participaron neste programa 163 menores e 23 acadaron un contrato de traballo.

Segundo explicou González, “basea as súas liñas de actuación na inserción social e laboral para mellorar as súas condicións de acceso a un emprego, xestionando recursos de formación, xa sexa dentro ou fóra do centro, actuacións na busca de emprego, recursos laborais a través dos obradoiros produtivos e do traballo remunerado dentro dos centros e a través de bolsas formativas en empresas colaboradoras”.