A ‘Gala do Patrimonio Inmaterial’ de Xacarandaina abre este sábado en Ourense unha nova edición do programa Danza 3

image_gallery

 

O programa Danza 3 inicia a súa programación de 2015 coa ‘Gala do Patrimonio Inmaterial’ que Xacarandaina ofrecerá este sábado 23, ás 21.30 horas, no Auditorio Municipal de Ourense. Arranca así unha nova edición do ciclo que a agrupación coruñesa desenvolve xunto a Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e O Fiadeiro de Vigo, e que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para difundir entre o público galego a riqueza da nosa danza e a nosa música tradicionais.

Con tal fin, o programa achegarase ata finais de ano a un total de nove localidades das catro provincias, onde –en colaboración cos respectivos concellos– ofrecerá outros tantos espectáculos tanto en recintos pechados como en localizacións ao aire libre. Ademais de en Ourense, Xacarandaina presentarase tamén en Burela (18 de xullo) e en Melide (14 de agosto), mentres que O Fiadeiro actuará en Sarria (25 de xullo), Marín (6 de setembro) e Tui (data por confirmar). Os integrantes de Cantigas e Agarimos serán os encargados de pechar esta nova entrega do ciclo o 19 de decembro cunha gala especial que terá lugar en Santiago de Compostela, á que se sumarán outras dúas citas previas na Baña (1 de agosto) e O Barco de Valdeorras (11 de setembro).

A primeira función de Danza 3 foi presentada hoxe en Ourense nun acto no que interviñeron Ana Garrido, concelleira de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic; e Henrique Peón, director de Xacarandaina.

Riqueza patrimonial

Na súa intervención, Jacobo Sutil recoñeceu o “sobresaínte” labor que estas agrupacións realizan no ámbito da recollida, conservación e divulgación do folclore galego. Neste sentido, lembrou que as tres formacións, unidas como colectivo baixo as siglas XOC, están a impulsar xunto á Consellería de Cultura e Educación o proceso necesario para lle solicitar ao Ministerio de Educación e Cultura a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) para o baile tradicional galego, como paso previo á presentación ante a Unesco da candidatura do baile a a música de Galicia como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Na divulgación desta iniciativa incide precisamente a gala que Xaracandaina ofrecerá este sábado en Ourense, que reunirá un total de 42 artistas sobre as táboas, entre bailaríns e bailarinas, gaiteiros e pandeireteiras. Cunha coidada posta en escena, tanto desde o punto de vista interpretativo como do vestiario e dos recursos escenográficos, o espectáculo está conformado por diferentes pezas tradicionais recollidas durante o traballo de campo que a agrupación vén desenvolvendo no ámbito do seu labor de recompilación, conservación e difusión desta parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.

También te podría gustar...