Turismo de Galicia e o concello de Ourense avanzan no proxecto do novo albergue de peregrinos e na mellora das zonas termais da cidade

image_gallery (2)A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron o venres a mañá o edificio sito na rúa Barreira, esquina con rúa das Burgas, para avalialo para o establecemento dun albergue de peregrinos.

O obxectivo é realizar un estudio das posibilidades do inmoble que permita definir con precisión a capacidade de aloxamento e instalacións para ser o futuro novo albergue que do concello de Ourense, situado nunha zona estratéxica da cidade, no marco do Casco Vello, entre as Burgas e a propia Praza Maior.

A Rede Pública de Albergues contará, así, cun novo establecemento no centro da cidade de Ourense que enriquecerá a oferta do Camiño de Santiago, mellorará a capacidade de acollida aos peregrinos da cidade ourensá e reforzará a infraestrutura da Vía da Prata.

En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia sinalou que o feito de ter unha rede pública de albergue perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos camiñantes resulta fundamental. Segundo afirmou Nava Castro, a Rede Pública de Albergues de Turismo de Galicia acolleu no pasado ano 2014 un total de 336.739 peregrinos dos cales 21.337 pernoitaron nos albergues da Vía da Prata.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que na actualidade a Rede Pública de Albergues suma 70 albergues que ofrecen máis de 3.200 prazas ao longo das diferentes rutas do Camiño de Santiago. Nava Castro engadiu que concretamente na Vía da Prata sitúanse doce albergues dentro da rede pública, nove deles na provincia de Ourense e tres establecementos na provincia de Pontevedra.

Así mesmo, Nava Castro destacou que no que vai deste ano 2015 chegaron a Santiago de Compostela más de 135 mil peregrinos, o que supón un incremento de máis do 12% en relación ao mesmo período do pasado ano e un récord histórico. No que se refire á Vía da Prata, afirmou que un total de 5.666 peregrinos elixiron esta ruta xacobea para chegar a Compostela.

A directora de Turismo de Galicia resaltou que a Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta rede pública de albergues con labores de mantemento, reparación e mellora continuas. Segundo sinalou, no 2014 Turismo de Galicia inverteu máis de 550 mil euros nos establecementos que conforman a rede pública de albergues do Camiño.

Mellora das zonas termais
Paralelamente, Turismo de Galicia e o concello de Ourense avanzan na execución de novos proxectos de mellora das zonas termais da cidade.

Con esta finalidade, traballan na próxima sinatura dun convenio de colaboración que permita acometer proxectos centrados na mellora de infraestruturas turísticas termais e a promoción e sinalización turística.

Os proxectos que se prevén incluír no convenio son a instalación de iluminación pública na Fonte do Tinteiro, a instalación dun sistema de arrefriamento de auga termal nas Termas de Outariz e Burga de Canedo, a reposición do alumeado no paseo termal na zona do Xardín das Esencias, a instalación de paneis con información dos recursos turísticos máis importantes en lugares estratéxicos e a instalación de pantallas dixitais con tecnoloxía interactiva multimedia, entre outros.

A posta en valor das zonas termais será tamén o obxectivo da nova Escola Obradoiro que porán en marcha a Xunta de Galicia e o Concello, e que comezará a traballar a semana próxima.

También te podría gustar...