A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Foro de Santiago TV “Impacto económico do Camiño de Santiago” 2

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Foro de Santiago TV “Impacto económico do Camiño de Santiago”, unha xornada de conferencias para analizar esta gran ruta de peregrinación dende unha perspectiva económica.

Nava Castro destacou, durante a súa intervención, a importante repercusión do Camiño de Santiago no reequilibrio territorial, na xeración do emprego, na renda, na mellora da calidade de vida e no impacto económico dos núcleos rurais galegos por onde transcorre.

O Camiño de Santiago suma 8 rutas en Galicia que integran 1.300 quilómetros divididos en mais de 100 municipios. A directora de Turismo de Galicia sinalou que nestas áreas polas que transcorre a ruta xacobea amortece indicadores como o envellecemento, o declive demográfico e a despoboación e impulsa unha nova economía que atrae habitantes e que asenta a poboación local.

Segundo explicou Nava Castro, esta economía está baseada no sector servizos que complementa e en algúns casos incluso chega a superar ao sector primario. “En moitas localidades polas que transcorre o Camiño, o desenvolvemento do sector terciario comezou grazas á creación de aloxamentos públicos integrados na rede pública de albergues do Xacobeo aos que se sumaron unha importante rede de empresas de aloxamento tal e como a coñecemos hoxe en día”, afirmou a directora galega de Turismo. “Hoxe a oferta en torno ao Camiño é ampla e variada e constitúe un exemplo de caso de éxito dun itinerario cultural que mantén a súa esencia como antano pero ofrecendo os servizos necesarios para dotar de calidade esta experiencia única e inigualable”, engadiu.

Potenciación do Camiño de Santiago

Turismo de Galicia traballa a prol da potenciación do Camiño de Santiago desenvolvéndoo dunha maneira sustentable e atendendo á súa capacidade de carga. “Apostamos pola revitalización, conservación e dinamización da ruta, para non perder esa esencia que encandea ano tras ano a numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións e galardóns ao longo da historia”, explicou Nava Castro.

O Camiño de Santiago supón a primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia e actualmente estase a traballar no desenvolvemento do Plan Director do Camiño de Santiago que atende ao redimensionamento do Camiño como fenómeno supranacional e que contén especificacións para cada unha das rutas. Este Plan Director servirá para que o seu desenvolvemento e crecemento se realice de forma equilibrada, sostible e respectuosa co carácter do fenómeno xacobeo. Así, a través de dous instrumentos de xestión: un Plan Director e un Plan Estratéxico revitalizarase e promoverase o estudo e a investigación de todas as rutas xacobeas e a súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial.

Este é un dos proxectos para impulsar o Camiño de Santiago dunha maneira sostible que está a desenvolver Turismo de Galicia pero compre subliñar tamén outras importantes actuacións como a creación do proxecto Smart Camiño, o desenvolvemento dunha ampla programación para conmemorar o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ou a creación dun Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos.

“Unha aposta por mellorar un dos fenómenos mais universais da civilización actual”, sinalou a directora de Turismo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Foro de Santiago TV “Impacto económico do Camiño de Santiago”

 

Máis de 236.000 peregrinos neste 2014

O Camiño de Santiago ten cada vez mais adeptos e segue unha forte progresión ascendente en número de peregrinos. Ademais a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais.

No que vai de ano, chegaron a Santiago de Compostela máis de 236.000 peregrinos o que supón un aumento de máis do 10% en relación ao mesmo período do ano pasado. Os peregrino estranxeiros xa supoñen máis da metade do total de peregrinos que selaron a súa Compostela neste 2014.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia sinalou que o Camiño converteuse no principal elemento captador de turismo internacional e sinal de identidade e carta de presentación a nivel mundial de Galicia. “Grazas ao Camiño de Santiago, Galicia mostra a viaxeiros de todo o mundo o seu patrimonio tanto natural como cultural, os seus costumes e tradicións e por suposto, a súa tan venerada gastronomía”, explicou Nava Castro.