Turismo de Galicia celebra a gala final do concurso gastronómico ‘De tapas por Galicia’

image_gallery (1)

 

Turismo de Galicia celebrou esta tarde na Cidade da Cultura a gala final do concurso gastronómico ‘De Tapas por Galicia’ no que competiron os cociñeiros gañadores dos sete certames celebrados nas principais cidades galegas durante o pasado ano.

‘De tapas por Galicia’ é un produto promovido por Turismo de Galicia, en colaboración cos concellos das sete cidades galegas e as asociacións de hostaleiros, para promover de xeito conxunto os concursos de petiscos que teñen lugar anualmente na comunidade galega.

A gala contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que sinalou que ‘De tapas por Galicia’ permitiu promocionar “baixo un mesmo paraugas”, tanto na comunidade galega como no resto de España, un “produto senlleiro do noso territorio, a enogastronomía, sen que ningún concurso perdese identidade individualmente”, todo o contrario –engadiu- “todos gañaron ao asociarse á gran marca Galicia”.

Así mesmo, Nava Castro fixo referencia a outros produtos turísticos destinados a difundir e potenciar a enogastronomía do territorio galego como Viños e camelias, as Rutas dos Viños ou o Outono Gastronómico, entre outros. “Estas iniciativas están contribuíndo a elevar en gran medida o valor da nosa gastronomía e os nosos viños”, sinalou a directora de Turismo de Galicia. “En definitiva, -manifestou- promoven a actividade do sector da restauración e da hostalaría, sen dúbida un dos máis importantes na actualidade para a economía galega”.

image_gallery (3)

 

Preto de 400.000 prazas de restauración

A directora de Turismo de Galicia lembrou que a comunidade galega conta con máis de 5.300 restaurantes inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, que poñen a disposición dos seus clientes máis de 365.000 prazas.

Ademais, Nava Castro referiuse aos 12 restaurantes con Estrella Michelin que existen en Galicia e aos 37 que contan co distintivo Sol Repsol. Para a directora de Turismo de Galicia, “todos eles son exemplo da excelencia da boa cociña galega, así como estes outros establecementos que, en definitiva, contan co aplauso do público que día a día os visita e que se esforzan acotío en ofrecerlle o mellor aos seus clientes”.

image_gallery (2)

 

Gala showcooking

Durante a gala, celebrada na Cidade da Cultura, decidiuse cal é o mellor petisco da Comunidade. Os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas que participaron na experiencia promovida no outono e inverno pasados por Turismo de Galicia cociñaron en directo as súas receitas ante preto de douscentos convidados en representación dos sectores da gastronomía e o turismo de Galicia, así como dos concellos de orixe dos cociñeiros.

O xurado profesional outorgoulle o galardón a Gonzalo Pérez, de Frank (Ferrol) como mellor cociñeiro do certame. Álvaro Villasante, de Paprica (Lugo), gañou o premio do público; e Lucía Freitas e Nacho Tierno, de A Tafona Casa de Xantar (Santiago) o da marca Estrella Galicia

Os cociñeiros que optaron ao Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia foron Gonzalo Pérez (Frank, Ferrol); Moncho Bargo (Spoom, A Coruña); Lucía Freitas e Nacho Tierno (A Tafona Casa de Xantar, Santiago); Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra); Carles Lapuente, (La Contenta, Vigo); Álvaro Villasante (Paprica, Lugo) e mais José Luis Fernández (Tapa Negra, Ourense).

O galardón foi decidido por un xurado profesional conformado por Pepe Solla, cociñeiro e membro do Grupo Nove; Francisco González, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Pablo Portabales, xornalista e crítico gastronómico; e Guillermo Fernández, delegado de Hijos de Rivera en Santiago.

image_gallery

También te podría gustar...