“Trens Turísticos de Galicia” 2021

  • A primeira ruta por Ourense dos “Trens Turísticos de Galicia” será o 3 de xullo pola Ribeira Sacra
  • O Inorde, a Xunta de Galicia e Renfe poñen en marcha unha nova edición deste programa que ofrece un total de once rutas, cinco delas discorren pola nosa provincia e foron presentadas hoxe na delegación territorial da Xunta en Ourense
  • Rosendo Fernández foi o encargado de explicar os itinerarios e as datas das rutas ourensás que comezarán o vindeiro sábado coa ruta do Viño da Ribeira Sacra “que amosa de novo o éxito desta iniciativa ao ter todas as prazas ofertadas cubertas desde hai días”

 

A primeira ruta por Ourense dos “Trens Turísticos de Galicia” desta oitava edición terá lugar o vindeiro sábado, 3 de xullo, coa ruta do viño da Ribeira Sacra. A presentación do programa en Ourense dos “Trens Turísticos de Galicia” 2021 tivo lugar onte no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o director Comercial e Vendas de Renfe, Javier Marín.

O Inorde, a Xunta de Galicia e Renfe poñen en marcha unha nova edición deste programa que  ofrece un total de once rutas, das cales cinco discorren pola provincia de Ourense, amosando aos viaxeiros “os recursos máis destacados que integran o noso territorio: natureza, patrimonio e enogastronomía, así como tamén os “Museos das Estacións” do Inorde, a través dunha oferta turística sostible e segura”, sinalou Rosendo Fernández.

O presidente do Inorde foi o encargado de explicar os itinerarios e as datas das rutas ourensás que comezarán o vindeiro sábado, 3 de xullo, coa ruta do Viño da Ribeira Sacra “que amosa o éxito desta iniciativa ao ter todas as prazas ofertadas cubertas desde hai días”. Nesta ruta, os viaxeiros irán ata a adega Regina Viarum, para posteriormente desprazarse a Monforte de Lemos onde se empaparán da viticultura heroica no Centro de Interpretación do Viño. Despois embarcaranse nun catamarán para percorrer o fantástico mar interior que forman as augas encoradas do río Sil. De volta coñecerán o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e rematará a xornada na Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares. Para participar nesta ruta hai novas datas: o 28 de agosto, o 18 de setembro e o 2 de outubro.

A ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras aproximará aos visitantes ás paraxes destas Denominacións de Orixe. No río Sil embarcarán nun catamarán que os levará ata a contorna do mosteiro de Santo Estevo, continuando a visita no santuario das Ermitas. Despois degustarán un viño da Denominación de Orixe Valdeorras na adega A Coroa e coñecerán outra histórica estación de ferrocarril e o seu museo ferroviario nos Peares. Esta ruta terá lugar o 31 de xullo.

Na ruta do Viño de Monterrei poderán visitar parte desta Denominación de Orixe e degustar algún dos seus viños no Castelo de Monterrei. Coñecerán tamén a adega Gargalo e o barrio antigo de Verín. Pola tarde pasearán pola Vila de Allariz e polo seu Festival Internacional de Xardíns. Por último, visitarán a estación de ferrocarril de Baños de Molgas onde se atopa o Museo Moncho Borrajo. Este itinerario poderase realizar o 14 de agosto.

Por último, a ruta dos Viños do Ribeiro – Rías Baixas mestura os territorios destas dúas Denominacións de Orixe. Ao longo do traxecto poderán degustar un viño na adega Señorío de Rubiós e coñecer o encanto medieval de Ribadavia e o seu castelo. Pola tarde, visitarán o Museo do Viño de Galicia, situado na casa reitoral de Santo André de Camporredondo. Despois achegaranse ao castro de San Cibrao de Las e acabarán a viaxe visitando a estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga os museos do traxe tradicional galego e o museo do automóbil – Fundación Estanislao Reverter. Esta ruta realizarase o 9 de outubro.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Ourense destacou que esta iniciativa é unha experiencia idónea para gozar dun turismo tranquilo e adaptado perfectamente ao novo modelo turístico demandado polos viaxeiros na actualidade e que ofrece a comunidade. Esta iniciativa encadra no obxectivo da Xunta de continuar a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro, con medidas que axuden a recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus que, dotado con 1 millón de euros ofrécelles un plus de tranquilidade ao cubrir os gastos sanitarios, de aloxamento e transporte ante unha infección por covid-19 e corentena.

O director Comercial e Vendas de Renfe dixo que “volven os Trens Turísticos de Galicia que desde o 2013 se consolidaron como un produto de éxito”, lembrando que no ano 2019 -a última edición celebrada tralo parón no ano 2020 por mor da pandemia- “transportou a 2.500 persoas que procedían de ata 19 países, e de practicamente todas as Comunidades Autónomas de España”. E, esta oitava edición dos Trens “volve con forza, con once rutas, das cales un 55% ten a súa orixe ou tocan Ourense; e cun total de 22 saídas das cales un 46% saen ou tocan Ourense”, salientou Javier Marín, quen manifestou ser “moi optimista” con esta edición posto que “as vendas van moi ben”.

A reserva e a compra dos billetes para poder participar nalgunha das rutas poderá realizarse nos despachos de billetes de calquera estación de Renfe ou na páxina web www.renfe.es, por un prezo de 45 euros para adultos e de 20 euros para os nenos de 3 a 13 anos. Haberá un desconto do 15% para os grupos de 10 ou máis adultos. Ademais, o prezo das rutas por Ourense tamén inclúe a viaxe en tren desde as estacións de Santiago de Compostela e Vigo a Ourense.