«Traballamos para que o astroturismo en A Veiga sexa o referente desta tendencia turística en Galicia e no norte de España», Juan Anta

  • «Astrotrevinca» achega a astronomía a todo o público
  • A terceira edición destas xornadas celebraranse do 2 ao 4 de setembro no Concello de A Veiga.
Juan Anta, Rosendo Fernández e Óscar Blanco
Juan Anta, Rosendo Fernández e Óscar Blanco

 

A terceira edición das xornadas «Astrotrevinca» achegarán a astronomía a todo o público interesado na observación do ceo, do día 2 ao 4 de setembro no Concello de A Veiga. A presentación desta iniciativa tivo lugar onte Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta; e o director de «Astrotrevinca», Óscar Blanco.

Rosendo Fernández lembrou que o Concello de A Veiga é «un dos catorce destinos turísticos «Starlight» no mundo que conta con esta certificación e que converte a Trevinca nun dos mellores lugares do mundo para contemplar as estrelas». Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que se trata «dun evento no que se dan cita investigadores e público en xeral para debater sobre a observación das estrelas e sobre as últimas noticias en aplicacións e en programas astronómicos», e engadiu, «estas iniciativas fomentan un segmento do turismo emerxente na provincia de Ourense, o astroturismo, no que a Deputación de Ourense colabora de forma decidida.»

O director de «Astrotrevinca» explicou que con estas xornadas «pretendemos levar a astronomía a todo o público en xeral, ao público que ten curiosidade por aprender cousas sobre a observación do ceo, por iso, realizaremos dúas xornadas de observación nocturna que é o principal, pero acompañadas durante o día de conferencias e talleres».

A programación prevista para eses días comeza o venres 2 de setembro coa observación astronómica no Mirador Estelar das Tabillas. Ao día seguinte, e trala presentación das xornadas, terá lugar ás 11.00 horas a primeira conferencia, «Bajo la sombra de la luna». A segunda conferencia dedicarase á fotografía nocturna e ao enfoque nocturno. A xornada de mamá rematará cunha observación solar con telescopio especial (H alpha). As actividades retomaranse a partir das 16.00 horas, coas conferencias: «Tierraformación», «Bajo los cielos de Namibia», e «Starmus 2016, cinco días con las estrellas». Ás 19.15 horas, terá lugar a clausura das xornadas. Por último, ás 22.00 horas será a quenda de novo para a observación astronómica no Mirador Estelar das Tabillas. O domingo, 4 de setembro, realizarase unha ruta pola «Cántara da Moura».

Óscar Blanco destacou que o Concello de A Veiga é «un sitio para ver o ceo en condicións excelentes porque cumpre os requisitos que buscamos: pouca contaminación lumínica, bo tempo, noites despexadas e unha paisaxe estupenda».

Pola súa parte, Juan Anta asegurou: «Seguimos apostando por un astroturismo que está funcionando ben, de feito, estas xornadas, antes de comezar a anuncialas, xa temos moitos das nosas casas rurais reservadas para eses días, polo que seguiremos apostando por el. Imos a homologar cinco rutas que van a Trevinca e imos a facer tres miradoiros nos vindeiros meses. Todo elo para facer que o astroturismo en A Veiga sexa o referente desta tendencia turística en Galicia e no norte de España».

Os interesados en participar poderán inscribirse na Oficina de Turismo de A Veiga a través do número de teléfono 988.350.130, ou do correo turismo.aveiga@gmail.com. O prezo da inscrición é de 10 euros, ou con comida de 25 euros.