Sober súmase ao Programa de Formación Aberta ‘Aula Mentor’

  • Entre os seus acenos de identidade destaca o seu carácter aberto, dado que non existen requisitos de acceso e proporciona unha oferta formativa de carácter non formal que se adapta ás necesidades da poboación adulta

 

O Concello de Sober vén de subscribir un convenio co Ministerio de Educación e Formación Profesional para o desenvolvemento do programa de formación aberta ‘Aula Mentor’.

Con este acordo preténdese promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas e, no seu caso, as correspondentes titulacións, a aqueles mozos e adultos que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación.

Concíbese como un mecanismo para achegar á poboación e con especial atención a aquela cuxa residencia se atopa afastada dos grandes núcleos urbanos, dunha oferta formativa, cultural e de difusión das tecnoloxías da información e a comunicación.

Entre os seus acenos de identidade destaca o seu carácter aberto, dado que non existen requisitos de acceso e proporciona unha oferta formativa de carácter non formal que se adapta ás necesidades da poboación adulta.

O modelo é flexible en ritmos de aprendizaxe, baseado nunha atención titorial personalizada e con materiais desenvolvidos especificamente para o traballo a distancia mediante o uso das tecnoloxías da información e a comunicación.

Como formar parte

A aula de informática e novas tecnoloxías do Concello de Sober porase a disposición dos interesados e interesadas co obxecto de dar un apoio persoal, configurándose como un centro de recursos e de socialización que permitirá, á súa vez, realizar a proba de avaliación, presencial e final, para certificar o aproveitamento dos cursos.

A oferta formativa permite actualizar o perfil profesional, potenciar o acceso ao emprego e aumentar a formación básica.

O procedemento para formar parte é sinxelo. Hai que elixir entre a ampla gama de cursos ofertados, contactar coa aula, matricularse e pagar as taxas e facer o curso a distancia que se elixa en horario flexible e facer o exame presencial na aula de informática. De aprobalo obterán un certificado emitido polo Ministerio.

O equipo da Aula Mentor de Sober está formado polo AEDL Carlos Losada, a orientadora laboral Beatriz Vivirido e a técnica de informática Rocío Fernández.

También te podría gustar...