Showcooking de exaltación á gastronomía galega na gala de presentación dos equipos de La Vuelta 2016

  • A gala de presentación dos equipos de La Vuelta 2016 albergará un showcooking de exaltación á gastronomía galega
  • O evento, unha das grandes citas desta competición deportiva, terá lugar o próximo xoves 18 de agosto no Balneario de Arnoia
  • O acto actuará como escaparate da gastronomía galega xa que acollerá aos mellores cociñeiros galegos e os máis prezados produtos gastronómicos da nosa comunidade
  • Este percorrido gastronómico contará coa participación de doce profesionais do Grupo Nove, nove cociñeiros de Amigos da Cociña Galega e 21 Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas con distintivo de calidade diferenciada

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na rolda de prensa de presentación da Gala de Equipos de La Vuelta a España 2016 que terá lugar o próximo xoves 18 de agosto no Balneario de Arnoia.

O evento, unha das grandes citas desta competición deportiva, presentará oficialmente aos 22 equipos ciclistas que competirán nesta 71 edición de La Vuelta a España.

O acto actuará tamén como escaparate da gastronomía galega xa que acollerá un showcooking onde se darán cita os mellores cociñeiros galegos e os máis prezados produtos gastronómicos da nosa comunidade.

Segundo explicou Nava Castro, neste percorrido gastronómico estará representada a cociña galega a través das degustacións ofrecidas, por unha parte, por doce profesionais do Grupo Nove e, por outra, por nove cociñeiros de Amigos da Cociña Galega. Así mesmo, estarán representadas 21 Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas con distintivo de calidade diferenciada.

A directora de Turismo de Galicia destacou que, deste xeito, o showcooking mostrará os grandes valores da gastronomía galega: a combinación da tradición e a innovación e a calidade dos produtos.

“Mostrarase o gran potencial da cociña galega e a virtude destes cociñeiros que darán renda solta á imaxinación, convertendo a presentación e a posta en escena da súa obra nun espectáculo de grandes dimensións co que poderemos deleitar os cinco sentidos”, sinalou.

Rolda de prensa de presentación da Gala de Equipos de La Vuelta a España 2016

Rolda de prensa de presentación da Gala de Equipos de La Vuelta a España 2016

 

Lugar destacado para Galicia

Así mesmo, durante o acto, Nava Castro fixo referencia a importancia de que a 71 edición de La Vuelta a España saia dende Galicia, contando a nosa comunidade, un ano máis, cun lugar destacado neste gran acontecemento deportivo. “A nosa comunidade será o punto de partida deste evento que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre”, afirmou. Neste senso, resaltou que La Vuelta sairá desde Galicia, por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que a Comunidade galega protagonizará, así, outro momento histórico o 20 de agosto de 2016, igual que fixo co sorprendente comezo dende unha batea no ano 2013 ou o remate do 2014 onde o final de La Vuelta compartiu meta co Camiño de Santiago. “Ademais, a nosa comunidade albergará as sete primeiras etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas”.

También te podría gustar...