Santiago de Compostela superou onte a cifra de peregrinos chegados durante todo o ano 2013 acadando os 216.000

Peregrinos llegando a Santiago de Compostela

A Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar rexistrou entre o 1 de xaneiro e o 10 de outubro un total de 216.000 peregrinos que recolleron a Compostela tras teren percorrido algunha das Rutas Xacobeas. Isto supón que na segunda semana do mes de outubro de 2014 xa se teña superada a cifra global de peregrinos chegados durante todo o ano pasado, que alcanzou os 215.880 camiñantes.

Deste modo, a cifra global de peregrinos recibida en comparación co mesmo período de 2013 alcanza unha suba do 9,69%, con máis de 19 mil peregrinos recibidos máis que entre o 1 de xaneiro e o 10 de outubro do ano pasado.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou os espectaculares resultados obtidos este ano, tanto no que respecta ao crecemento na cifra de peregrinos que se veu rexistrando ao longo do ano que demostra que “o Camiño de Santiago é a nosa icona máis universal, o noso principal produto turístico e o eixe vertebrador da cultura europea”; como no tocante aos bos resultados obtidos en canto á cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados de Galicia neste 2014.

As Rutas Xacobeas están a experimentar un auxe constante. A oficina do peregrino entregou o sábado 9 de agosto 2.739 Compostelas, polo que se converteu no día en que máis peregrinos finalizaron o Camiño nun ano non santo.

Peregrinos estranxeiros

No que vai de ano, chegaron a Compostela un total de 104.349 peregrinos procedentes do territorio español, isto é, o 48,31% dos peregrinos. Un total de 111.651 peregrinos foron estranxeiros, en total un 51,69% dos peregrinos que chegaron a Santiago neste período procedían doutros países. En concreto, e por esta orde, os grupos de peregrinos estranxeiros máis numerosos procederon de Italia, Alemaña, Portugal, EEUU, Francia, Irlanda, Reino Unido, Holanda, Australia, Corea, Canada, Brasil, Polonia, Bélxica e Dinamarca.

En total, en comparación cos rexistrados no mesmo período de 2013, chegaron a Compostela 12.923 peregrinos estranxeiros máis. Onte mesmo, chegaron a Santiago un total de 812 peregrinos, dos cales 528, isto é o 65,02%, foron estranxeiros.

Respecto aos peregrinos nacionais que chegaron no que vai de ano a Compostela, procederon principalmente das comunidades de Madrid, Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castilla León e Galicia.

Peregrinos por Camiños

Por camiños, as cifras de peregrinos rexistradas neste período ten sido: 146.656 no Camiño Francés; 32.706 no Camiño Portugués; 13.234 no Camiño Norte; 7.656 no Camiño Primitivo; 7.843 na Vía da Prata. No Camiño Inglés 6.662 peregrinos e na Ruta Fisterra-Muxía rexistráronse 600 peregrinos.

No tocante ás pernoitas rexistradas na rede pública de albergues, a cifra acadou nos oito primeiros meses deste ano as 290.348 pernoitas.

Máximos históricos en turistas

O mes de agosto marcou un máximo histórico en Galicia ó rexistrar preto de 780.000 viaxeiros no conxunto da comunidade, superando, así, os niveis dos anos santos 2004 e 2010. Os establecementos turísticos regrados de Galicia rexistraron neste mes un incremento do 6,7% no volume de viaxeiros e dun 3,8% nas pernoitas. Este comportamento positivo da demanda regrada sitúa os niveis deste ano nos máis elevados dos últimos tres.

O turismo internacional acadou neste mes de agosto en Galicia tamén datos históricos tanto en termos de volume –con preto de 185.000 viaxeiros e 336.000 pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –representa o 23,8% dos viaxeiros aloxados e o 17,7% das pernoitas neste oitavo mes do ano-.

Respecto as cifras do que vai de ano, Galicia rexistrou tamén unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 5,9% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con pouco máis de 2,8 millóns- e do 3,9% no que atinxe ás pernoitas –con 6,0 millóns neste período-.

O turismo nacional subiu, nun 2,7%, e o turismo internacional presenta tamén un comportamento positivo superando nun 8,9% o volume de pernoitas do pasado ano –a cifra de viaxeiros estranxeiros aloxados subiu neste caso un 13,8%-.

También te podría gustar...