• Rairiz de Veiga acolle, un ano máis, a Romaría da Saínza
  • Asemade, con motivo desta celebración, a programación prevista para os días 23, 24 e 25 de setembro, componse dun variado elenco de actividades
Rosendo Fernández, Asunción Morgade e Jose Antonio Cao

Rosendo Fernández, Asunción Morgade e Jose Antonio Cao

 

O Concello de Rairiz de Veiga acollerá un ano máis a celebración da Romaría da Saínza, na que, entre outras actividades, rememora parte da súa tradición, co combate entre mouros e cristiáns, no que os veciños, ataviados cos traxes representativos daquela época, dan vida a unha histórica celebración da zona, que reúne a miles de visitantes. A presentación desta festa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da alcaldesa do Concello de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; e o membro da asociación “Amigos da Saínza”, Jose Antonio Cao.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta celebración “con historia e tradición, vén recreando desde o ano 1840, no Concello de Rairiz de Veiga, o combate entre mouros e cristiáns, converténdose ano tras ano, nunha cita ineludible no calendario festivo da nosa provincia, e que no ano 2001, foi declarada “Festa de Interese Turístico Galego”, pola Xunta de Galicia”.

Asemade, Rosendo Fernández, destacou que o goberno provincial “sempre está ao carón das iniciativas que parten da cidadanía e que forman parte da nosa tradición, e polo tanto, do que somos”.

Jose Antonio Cao explicou a programación prevista para eses días de celebración, co comezo das actividades o venres, 23 de setembro, pola mañá, cunha tirada de bombas de palenque, e posteriormente, ás 17.30 horas, os máis cativos poderán gozar no campo da festa, dos xogos populares e da representación do combate de moros e cristiáns con títeres. Pola noite, será a quenda para a música que nesta ocasión correrá a cargo da orquestra Galilea, e a partir das 3.00 da madrugada, comezará o XI Festival Noite Moura co grupo Ménage á Trois.

Ao día seguinte, o sábado, 24 de setembro, ás 12.30 horas terá lugar o “por primeira vez un mercado específico de artesanía, que estará aberto durante toda a tarde”, asegurou Jose Antonio Cao. Ás 20.00 horas, os máis cativos, poderán deleitarse no Campo do Castelo da quinta edición de “O meu primer combate de mouros e cristiáns”. Nesta xornada será a orquestra Royal a encargada de amenizar a xornada, a partir das 22.00 horas, para posteriormente, celebrar o “Asalto ao Castelo” por parte dos Mouros, “un espectáculo moi bonito pola iluminación que hai por ser de noite”, Jose Antonio Cao. E ás 00.00 horas será a gran tirada de fogos artificiais e despois, continuará a música, con Royal e co XI Festival Noite Moura co grupo Derroche.

Por último, o domingo, 25 de setembro, as actividades comezarán ás 9.00 horas coa traca de bombas de palenque. O pasarrúas a cargo da Escola de Gaitas da Deputación e a procesión, desde a Igrexa de Rairiz de Veiga ata o Castelo da Saínza, será ás 12.00 horas. Despois da misa celebrada no campo de batalla, ás 13.00 horas, será a quenda para o emblemático combate de Mouros e Cristiáns. A música nesta ocasión e tralo combate, correrá a cargo da charanga XL, para posteriormente, ás 18.30 horas, continuar coa orquestra París de Noia.

A alcaldesa de Rairiz de Veiga destacou a importancia desta celebración por tratarse “dunha festa centenaria, histórica, que move a toda a provincia e, en especial, á comarca da Limia”. O combate no que participan preto de “80 persoas consegue atraer cada ano a máis de 30.000 visitantes”, dixo Asunción Morgade que engadiu, “o primeiro combate celebrouse en 1840, e desde entón vénse celebrando de maneira ininterrompida, excepto durante os tres anos da Guerra Civil, que non se celebrou”.