Rogelio Martínez entrega os diplomas aos participantes no curso de formación de responsables técnicos de taller organizado por Ourense ATAVE

Rogelio Martínez entrega os diplomas aos participantes no curso de formación de responsables técnicos de taller organizado por Ourense ATAVE.

Diplomas Atave Un total de 66 persoas recibiron onte de mans do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez,  o seu diploma acreditativo da consecución do título de “Responsable técnico de taller”, correspondente ao curso formativo para profesionais impartido pola Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE).

O curso foi de carácter aberto e dirixido a profesionais do sector aos que se lles pediu, como requisito mínimo indispensable para o acceso á formación, a acreditación dun nivel formativo previo equivalente ao de oficial de primeira ou un mínimo de 5 anos de experiencia laboral no caso de traballadores autónomos.

Martínez, que estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería Economía e Industria, Alfonso Tomás Paz, destacou a importancia destes cursos, que “contribúen á formación continua e a reciclaxe empresarial dos profesionais do sector, co obxectivo de poder afrontar con eficacia a constante innovación tecnolóxica que se produce no sector do automóbil”.

A duración do curso foi de 200 horas lectivas para aqueles que acreditasen un ciclo formativo de nivel medio ou 5 anos de experiencia laboral; 100 horas para profesionais con 10 ou máis anos de traballo no sector, e de 40 horas no caso daquelas persoas cun grado superior de automoción ou equivalente. Por último, para aprobar o curso, todos os participantes tiveron que superar unha proba final escrita elaborada polo departamento autonómico de Economía e Industria.

As clases, de tipo teórico e práctico, desenvolvéronse nas instalacións que ATAVE ten na capital. Nelas instruíuse aos alumnos e alumnas nas ramas de mecánica, carrocería, electricidade e pintura do automóbil, así como no apartado de normativa legal respectiva á seguridade industrial, a protección do medio ambiente e a prevención de riscos laborais.

Diplomas ATAVe 1

También te podría gustar...