Folgoso urxe presentar o proxecto e licitar canto antes as obras de construción da residencia da terceira idade

  • O Concello de Folgoso do Courel urxe á Deputación de Lugo a presentar o proxecto e licitar canto antes as obras de construción da residencia da terceira idade
  • Esta proposta do grupo de Goberno local foi aprobada por unanimidade no pleno deste venres
  • A alcaldesa recorda que “o Concello cumpriu a súa obriga de ceder a parcela á Deputación para a construción da residencia e centro de día da terceira idade”
  • Lola Castro agarda que o presidente da Deputación cumpra o compromiso de seguir adiante coa súa construción e urxe á institución provincial a axilizar o procedemento para “poñer en marcha o antes posible este servizo para os maiores do noso Concello”

 

O Concello de Folgoso do Courel aprobou por unanimidade unha iniciativa do grupo do Goberno local para instar á Deputación de Lugo a que presente na maior brevidade posible o proxecto da residencia e centro de día da terceira idade que está sendo modificado para adaptalo á normativa vixente e que licite canto antes as obras para continuar así co procedemento de cara á súa construción.

O convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación de Lugo e o Concello para a construción da residencia e centro de día da terceira idade no Concello de Folgoso de Courel estima a inversión total necesaria en 1,4 millóns de euros dos que a Deputación Provincial aportará 1,2 millóns e se encargará, entre outros, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos procesos; mentres que a obriga do Concello é a de achegar 200.000 euros e, entre outros, achegar os terreos necesarios para a construción da residencia e centro de día.

Desde o Goberno local recordan que foi un compromiso do Goberno de Elena Candia, que se materializou na sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello.

A alcaldesa, Lola Castro, recorda que “o Concello de Folgoso do Courel cumpriu a súa obriga de ceder a parcela á Deputación que foi elevada a escritura pública o 10 de decembro de 2019”. Ao día seguinte foi solicitada a prórroga ao convenio que remataba nese ano que foi prorrogado ata o 31 de decembro do 2021 coa sinatura da prórroga da addenda ao convenio.

A rexedora local agarda que o presidente da Deputación cumpra o seu compromiso de seguir adiante coa construción da residencia e centro de día no Concello de Folgoso do Courel, tal e como lle manifestara nunha reunión celebrada o 18 de xuño deste ano. Nese sentido, Lola Castro urxe á institución provincial a que axilice o procedemento para dar comezo ás obras de construción co obxectivo de poñer en marcha o antes posible este servizo de atención ás persoas maiores do Concello.

También te podría gustar...