Representantes da embaixada de EEUU visitan Coren como exemplo da calidade e competitividade do sector agroalimentario galego

image_gallery

 

A agregada de Agricultura da Embaixada dos Estados Unidos en España, Rachel Bickford, visitou esta mañá a cooperativa ourensá Coren acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, co obxectivo de coñecer de primeira man os seus métodos de produción como mostra da calidade e das potencialidades do sector agroalimentario galego.

Esta visita enmárcanse dentro dunha viaxe a Galicia da representante de Estados Unidos impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, para abrir novas oportunidades de negocio para as empresas agroalimentarias galegas, dentro da cal se están a celebrar diferentes encontros e visitas a empresas punteiras do sector.

O Grupo Coren é a maior cooperativa do sector agroalimentario de España, un dos principais produtores nacionais de avicultura (polo, pavo e ovo campeiro), porcino (fresco e curado) e vacún. Está integrado por 3.200 socios e conta con 3.000 empregados. O ano pasado acadou un volume de facturación de 945 millóns de euros. Actualmente exporta máis do 30% da súa produción cárnica.

A empresa ourensá aposta pola calidade e pola súa identificación como galega, feito polo que ten certificado polo selo de garantía Galicia Calidade a maioría dos seus produtos, entre os que se atopan os ovos campeiros, o polo de curral ou a gama selecta de porco alimentado con castañas.

A agregada da Embaixada dos Estados Unidos interesouse polos seus métodos de produción e polo control en todas as súas etapas, aglutinando na mesma cooperativa todos os procesos, dende o inicio do nacemento e cría dos animais ata a posta nos lineais dos supermercados ou establecementos de venda. Neste senso, destacou que “deste xeito, a calidade de todo o proceso pode estar máis controlada”.

Coren aposta de xeito decidido pola innovación, o que a levou a colaborar coa Axencia Galega de Innovación e o Centro Tecnolóxico da Carne nunha Unidade Mixta de Innovación que comprende actuacións que mobilizarán 24 millóns de euros centradas na consecución de explotacións cárnicas máis eficientes e rendibles, na creación de produtos innovadores e de maior calidade e na xestión responsable de residuos.

También te podría gustar...