Renovación das papeleiras da cidade de Monforte

  • José Tomé Roca, ven de comunicar o desenvolvemento dun plan que suporá a instalación en toda a cidade de 297 papeleiras, cunha inversión de algo máis de 43.000 euros
  • “Esta actuación terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto urbano da cidade, xa que suporá a unificación dos modelos de papeleiras existentes, co que modernizaremos e uniformizaremos este mobiliario urbano que é utilizado diariamente polos nosos cidadáns”, destaca o rexedor monfortino

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o vindeiro luns 1 de febreiro está previsto que o Concello poña en marcha o plan para a renovación de papeleiras ó longo de toda a cidade. “Esta actuación”, resalta o Alcalde, “terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto urbano da cidade, coa renovación de 242 papeleiras e a reubicación doutras 55, o que suporá a unificación dos modelos de papeleiras existentes, modernizando e uniformizando este mobiliario urbano que é utilizado diariamente polos nosos cidadáns”. En total, instalaranse en toda a cidade 297 papeleiras, entre novas e reubicadas.

Este plan de renovación das papeleiras urbanas de Monforte, inclúese dentro das actuacións de mellora previstas tras a renovación do contrato subscrito polo Concello coa empresa FCC Medio Ambiente para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

Para a renovación deste mobiliario urbano, prevese unha inversión de algo máis de 43.000 euros (43.038 €) e o proceso de instalación das novas papeleiras dará comezo o vindeiro luns. A duración prevista dos traballos de instalación das novas papeleiras é de 4 semanas.

 

Plan de renovación e reubicación de papeleiras en Monforte

O plan anunciado polo Alcalde suporá unha mellora moi significativo da imaxe medioambiental da cidade.

Así, con este plan, unifícanse os modelos de papeleiras existentes na cidade, xa que unha vez rematado o proceso de instalación e renovación, quedarán 2 modelos de papeleiras principais. Esta unificación supón unha mellora na calidade urbana, ó uniformizar un elemento de grande importancia no mobiliario urbano da cidade, que é utilizado a diario por parte dos cidadáns monfortinos.

Deste xeito, o Concello instalará no centro histórico un modelo de papeleira ornamental, denominada Papeleira Milenium 80L, de fundición de aluminio acorde coa singularidade do entorno e que está decorada co escudo oficial do Concello de Monforte. Estas papeleiras contan cunha maior capacidade que as existentes, incrementándose o volume útil de 50 a 80 litros.

En concreto, instalaranse 69 unidades de papeleira ornamental Milenium 80L en todo o casco histórico, como son as rúas peonís do centro, a praza Campo de San Antonio, a zona de San Vicente e o Campo da Compañía.  

  • Resto da cidade

No resto da cidade, o modelo unificado de papeleira que se instalará será o Millenium 50L, que dispón dunha boca de acceso reducida para evitar o depósito de bolsas de lixo. Deste modelo instalaranse 173 unidades novas e reubicaranse outras 55 unidades das retiradas das ubicacións nas que se instalarán papeleiras do modelo Milenium 80L.

No Parque dos Condes, manteranse e adecuaranse as papeleiras de madeira existentes. Nas rúas Duquesa e Estrela, manteranse as papeleiras que foron colocadas nas obras de renovación realizadas recentemente en ditas rúas, e tamén se manterán as papeleiras na ruá Reboredo, que son do mesmo modelo que as da rúa Duquesa, mantendo así a estética desa zona da cidade.

Os traballos de instalación das novas papeleiras está previsto que teñan unha duración de 4 semanas. Comezarase pola instalación das papeleiras ornamentais modelo Millenium 80L na zona centro peonil, continuando polo Campo da Compañía e San Vicente. Unha vez rematada a instalación de todas estas papeleiras ornamentais, e retiradas as papeleiras modelo Millenium 50L para o seu posterior aproveitamento, comezaranse a colocar este segundo modelo de papeleiras polo barrio da Estación e o Morín, continuando polo resto da cidade.

“Con este plan”, conclúe o Alcalde

dende o Concello retiraremos da cidade papeleiras de moita antigüidade, que contan cunha boca para o depósito de tamaño excesivamente grande, o que facilitaba nelas o depósito inadecuado de bolsas de lixo. Do mesmo xeito, incrementaremos a eficiencia no mantemento das papeleiras, xa que o Concello contará cun stock uniforme para subsanar posibles avarías ou reposicións provocadas por actos vandálicos, mellorando a operatividade e a calidade do servizo para todos os monfortinos e monfortinas.