Remata ‘Música no Camiño’, o ciclo de bandas de música popular promovido por Turismo de Galicia ao que asistiron centos de peregrinos desde o pasado mes de outubro

image_gallery

 

Centos de peregrinos e público xeral puideron asistir entre os meses de outubro e decembro ao ciclo de bandas de música popular ‘Música no Camiño’ no que participaron 14 agrupacións musicais de toda Galicia.

Este certame musical que rematou hoxe coa actuación da Banda de Castrelo (Cambados), trouxo a música das agrupacións musicais populares galegas á Praza da Inmaculada de Santiago ao longo dos últimos 14 domingos do ano como incentivo cultural para os peregrinos que se achegaron a Compostela.

Incluído na programación do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, este ciclo musical constituíu un agradecemento aos numerosos peregrinos que chegan a Santiago como etapa final do Camiño. Deste xeito, logo da Misa do peregrino, os camiñantes puideron deleitarse durante unha hora con estes concertos de xeito gratuíto e sen ter que reservar previamente.

Divulgación e promoción da cultura galega
Este certame musical contribuíu tamén á divulgación e promoción das bandas populares de Galicia e da música galega en xeral.

Así, as bandas participantes nesta actividade foron: o 19 de outubro: Banda de la Escuela de Música de Rianxo; o 2 de novembro: Banda de Música Juvenil de Xinzo; o 8 de novembro: Banda de Música de Ortigueira; o 9 de novembro: Banda de Música Unión de Lantaño; o 16 de novembro: Banda de la Escuela Municipal de Música de Oleiros; o 22 de novembro: Banda Filarmónica de Lugo; o 23 de novembro: Banda Municipal Juvenil de Rábade & Begonte; o 29 de novembro: Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla; o 30 de novembro: Xove Banda de Narón; o 6 de decembro: Banda de Música Unión de Guláns; o 7 de decembro: Banda de Música Popular de Rubiós; o 14 de decembro: Agrupación Musical de Vincios; o 21 de decembro: Unión Musical de Valladares; e o 28 de decembro actuará a Banda de Música de Castrelo.

‘Música no Camiño’ foi outra das iniciativas integradas na programación do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, xunto con outros eventos como as exposicións ‘Santiago e o Belén’ e ‘Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ que pecharon as súas portas na cidade de Santiago con máis de 28.000 e 30.000 visitantes, respectivamente.

Neste eido salientou tamén a celebración da exposición ‘On the road’, que pechou as súas portas con máis de 60.000 visitantes ou a elaboración do menú do peregrino de Asís a Compostela, realizados en colaboración entre Turismo de Galicia e a empresa Paradores.

Por outra parte, no ámbito das peregrinacións a Compostela, cabe lembrar que este ano estase batendo un récord, xa que no que vai de ano xa recibiron a Compostela máis de 236.000 peregrinos, un 10% máis que no mesmo período do ano 2013.